Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Nueva edición del programa "Voando nas Rías Baixas" de turismo ornitológico

Nova edición do programa "Voando nas Rías Baixas" con cinco rutas ornitolóxicas que arrancan o 26 de xaneiro

A Deputación pon en marcha unha nova edición que se estenderá ata o 21 de xuño

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, e do coordinador de SEO Birdlife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou a terceira edición de “Voando nas Rías Baixas”, un programa que lle permitirá ao público coñecer de xeito gratuíto a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra a través de cinco rutas guiadas. “O respecto ás aves e aos contornos onde se desenvolven é unha aposta moi firme deste goberno, e moito máis nesta provincia, onde temos uns espazos marabillosos”, declarou a presidenta.

 

Carmela Silva salientou que estas actividades “son un elemento de atracción dese turismo de natureza, sostible e respectuoso co medio ambiente que queremos promover”. Neste eido, “Voando nas Rías Baixas”, iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife, enmárcase no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino da provincia de Pontevedra. Con estas visitas “daremos a coñecer o gran potencial da nosa provincia para a observación de aves en paraxes espectaculares e, ao mesmo tempo, sensibilizaremos a veciñanza sobre a necesidade de protección destes espazos”, destacou Silva, quen aproveitou a ocasión para animar a xente a formalizar a inscrición nas rutas no momento no que abra o prazo, “xa que se esgotan en menos de 24 horas”.

 

Pola súa banda, Gustavo Ferreiro amosoulle o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra, xa que “en Galicia non estabamos traballando con ningunha administración ata que comezamos a facelo coa Deputación”. Ferreiro salientou a aposta do goberno de Carmela Silva polo medio ambiente e a programación desta iniciativa “que permite que a xente se sensibilice coa natureza, así como coñecer a través das aves territorios que temos cerca cun altísimo valor ecolóxico, ao tempo que se conciencian coa súa conservación”. Así, tal e como explicou a presidenta provincial, levaranse a cabo cinco excursións cun máximo de 25 participantes. “Non deben ser grupos moi numerosos debido a que é unha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza, e nós respectamos os hábitats e as aves”, asegurou Silva.

Inscrición individualizada para cada saída

A primeira das rutas terá lugar o 26 de xaneiro para observar aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón, zona protexida pola Rede Natura 2000. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese este luns, 13 de xaneiro, e rematará o día 22.

O día 16 de febreiro terá lugar a ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, espazo protexido pola Rede Natura e declarado zona húmida de importancia internacional e Zona de Especial Interese Comunitario, ademais de ser a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo de inscrición para participar nesta ruta, na que destacan as aves acuáticas invernantes, estará aberto do 3 ao 12 de febreiro.

A terceira das rutas será o 8 de marzo polo esteiro do río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta estará aberto do 24 de febreiro ata o 4 de marzo.

belendevalga3
belendevalga4

A cuarta excursión desenvolverase o 31 de maio nas Brañas de Xestoso, tamén zona protexida pola Rede Natura e na que se concentran aves rapaces coma a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. O prazo de inscrición será do 18 ao 27 de maio.

Por último, a quinta ruta terá lugar na serra do Suído o 21 de xuño para observar as grandes rapaces coma o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Para participar nesta ruta haberá que inscribirse entre o 8 e o 17 de xuño.

En todas estas rutas ornitolóxicas dispoñerase de material para observar as aves e de guías de SEO-Birdlife que lles achegarán aos participantes toda a información que precisan para localizar as aves e recoñecer as súas características. As persoas interesadas en participar en cada unha das cinco propostas de “Voando nas Rías Baixas” deberán cubrir un formulario habilitado na páxina web da Deputación dentro do prazo indicado en cada unha das rutas.

belendevalga3
belendevalga4

Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico

A Deputación de Pontevedra estará presente cun punto informativo na Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico, que se celebrará no Parque Nacional de Monfragüe (Extremadura) do 28 de febreiro ao 1 de marzo. Trátase dun espazo destinado a viaxes e turismo no que se fará promoción dos lugares de observación de aves da provincia e no que se impulsará un turismo sostible, desestacionalizado e baseado na conservación do patrimonio natural. No posto da Deputación tamén se repartirán guías das aves da provincia.

Aquí accédese ao formulario de inscrición.