Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Celia Freijeiro protagoniza la campaña turística "Sigue tu Instinto" de la Diputación de Pontevedra

A natureza centra "Sigue o teu instinto", a campaña turística da Deputación que protagoniza Celia Freijeiro

A actriz é a imaxe do vídeo oficial e conducirá a presentación en Fitur xunto á presidenta Carmela Silva e outras embaixadoras e embaixadores das Rías Baixas

Presentación Sigue tu Instinto

“Sigue o teu instinto” é o lema da campaña coa que a Deputación de Pontevedra divulgará o destino Rías Baixas ao longo de todo o ano. A promoción centrarase nos valores naturais de todas as comarcas da provincia de Pontevedra e estará protagonizada pola coñecida actriz viguesa Celia Freijeiro, que ademais se encargará de conducir o acto de lanzamento da campaña na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur).

“Temos unha riqueza dun valor incalculable que forma parte do mellor patrimonio da nosa provincia”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao presentar esta mañá “Sigue o teu instinto” en rolda de prensa. A campaña lanzarase oficialmente o vindeiro xoves ás 12.30 horas en Fitur, o principal escaparate do sector a nivel internacional. O vídeo oficial está protagonizado por Celia Freijeiro, unha das actrices da serie Vida perfecta –gañadora nos Premios Feroz na categoría de mellor comedia–, entre outros traballos para televisión e cinema coma El comisario, Todo es silencio e A praia dos afogados.

A presentación en Fitur contará ademais con outras personalidades –embaixadoras e embaixadores das Rías Baixas– e terá unha posta en escena vangardista, segundo revelou Carmela Silva. Ademais do vídeo oficial, durante o acto proxectaranse outras dúas pezas audiovisuais, unha delas protagonizada por deportistas de elite da provincia de Pontevedra e outra que narra o proceso de fabricación do obsequio que se lles entregará ás persoas asistentes ao evento en Fitur. A produción do material audiovisual correu a cargo da empresa Esmerarte. “Son traballos absolutamente marabillosos. Vitais pero intimistas, que tocan o máis profundo, baseados nas emocións, que te atrapan e contan historias reais con mensaxe”, relatou a presidenta da Deputación.

Detente e mira

Na rolda de prensa lanzouse un adianto do vídeo oficial con imaxes das Rías Baixas no que Celia Freixeiro explica que todas e todos “formamos parte da natureza, e hai lugares que che permiten lembralo”. O traballo foi gravado, en total, en 28 localizacións de todas as comarcas da provincia de Pontevedra.

“‘Sigue o teu instinto’ é unha invitación a deterse e mirar, a escoitar o que nos pide o corpo e deixarnos levar, a mirar no interior e conectar co noso lado máis salvaxe, co natural, coas raíces”, sintetizou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, para logo engadir que “tamén é unha chamada para descubrir lugares marabillosos nos que a paisaxe, a natureza e os produtos (artesanía e alimentación) ofrecen experiencias plenas”.

O acto en Madrid será retransmitido en directo por Internet e poderá seguirse nas redes sociais da Deputación e Turismo Rías Baixas coas etiquetas #SigueOTeuInstinto e #DetenteEMira.

Obsequio

Durante o evento entregarase un agasallo, polo momento sen desvelar, que representará de forma simbólica toda a riqueza natural da provincia. A elaboración correu a cargo dunha empresa de actividades sustentables e no proceso participaron tamén persoas con diversidade funcional, co que a Deputación contribúe á sustentabilidade ambiental e cumpre un fin social; dúas das prioridades da súa acción de goberno. Deste agasallo fabricáronse 500 unidades que, ademais, forman parte dunha obra de arte efémera.