Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Elixe Comercio Local - Deputación de Pontevedra (Noticia)

Elixe o comercio local de “Pontevedra provincia” para facer as túas compras: ten todo o que precisas

Amabilidade, proximidade, excelentes produtos... Os pequenos e medianos establecementos das Rías Baixas ofrecen múltiples vantaxes e un servizo de calidade

Libro María Vinyals

Amabilidade, proximidade, identidade co territorio, sustentabilidade e calidade son algunhas das moitas vantaxes que ofrece o comercio local. A través da promoción “Elixe o comercio local”, enmarcada na campaña "Pontevedra provincia na túa cesta", a Deputación de Pontevedra anima a poboación e as viaxeiras e viaxeiros a mercar nos preto de 11.000 pequenos e medianos establecementos das Rías Baixas (0 36 % dos existentes en Galicia). Deste xeito, ademais de adquirir bos produtos, axudarán a revitalizar a economía do territorio.

“O comercio local ofrécenos todo o que precisamos na nosa vida diaria”, expón a presidenta da institución, Carmela Silva, para resaltar que o sector constitúe, ademais, “un elemento de proxección turística con alto potencial para captar visitantes”.

A campaña está centrada especificamente en cada unha das comarcas da provincia e destaca os beneficios e singularidades destes establecementos para suxerirlles á veciñanza e visitantes que se decanten por eles á hora de mercar os seus produtos fronte á competencia da venda en liña dos grandes distribuidores e das grandes superficies comerciais.

Riqueza para a provincia

“A actividade do comercio local é fundamental para revitalizar a economía do territorio”, explica a presidenta da Deputación. Ademais, destaca que “é preciso incentivar o consumo da poboación e apoiar, así, as pequenas e medianas empresas comerciais da provincia”. A acción desenvolverase en medios dixitais e impresos, radio e televisión a partir do 21 de maio.

Libro María Vinyals

A campaña “Pontevedra provincia na túa cesta”, lanzada o 4 de abril e centrada nas produtoras e produtores locais de alimentos e no comercio local deste sector, acadou o obxectivo de potenciar o consumo dos produtos gastronómicos de proximidade.

A devandita campaña serve agora de marco para estender a todo o pequeno e mediano comercio (téxtil, tendas de calzado, librerías, mercerías, tendas de decoración, xoierías e demais establecementos ao retallo) o apoio e o impulso da Deputación para que a poboación elixa produtos nos negocios da provincia de Pontevedra, coas repercusións positivas que iso carrexa como elemento xerador de riqueza e posta en valor do territorio.

Atención de calidade

O comercio local mantén un vínculo profundamente arraigado coa veciñanza da provincia. As vendedoras e vendedores prestan unha atención de calidade, mentres que o comercio local favorece unha economía sostible e contribúe a reforzar o sentimento colectivo. 

A Deputación de Pontevedra tamén fai coa campaña unha chamada á responsabilidade da poboación para que apoie o comercio local nun momento tan complexo. A institución apela á pertenza á comunidade e ao compromiso de axudar entre todas e todos a saír desta situación.

Así mesmo, o comercio local contribúe a proxectar o territorio de cara ao turismo de compras e a aquelas viaxeiras e viaxeiros que buscan unha experiencia auténtica, amable, de trato próximo, que capte a idiosincrasia do destino turístico.