Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Rutas para disfrutar del verano en la provincia de Pontevedra

Rutas para gozar do verán na provincia de Pontevedra

Espazos naturais, museos e enoturismo son algunhas das propostas turísticas nas Rías Baixas para a tempada estival

Rutas de verano en Rías Baixas

A oferta turística nas Rías Baixas é tan variada que existen plans para todos os gustos. Suxerímosche catro propostas de rutas este verán que van desde visitas a museos, itinerarios a pé por belas paisaxes naturais da provincia de Pontevedra, a visitas a algunhas das adegas máis importantes das Rías Baixas.

Ruta do románico, en Silleda

O vindeiro domingo 22 de xullo terá lugar a Carreira Andaina Solidaria Ruta do Románico en Silleda, organizada pola Fundación Baiuca Verdescente e QUALITE SPORT. A recadación obtida na proba irá destinada de forma íntegra ao desenvolvemento dunha ruta turística alternativa do románico, para dar a coñecer o patrimonio cultural e arquitectónico de Silleda.

A actividade conta con dúas modalidades distintas,unha ruta de 8 quilómetros e unha carreira, para maiores de 16 anos, de 8,4 quilómetros.percorrido circular, comeza na igrexa de Breixa, e transcorre polas parroquias de Carboeiro Martixe e Ansemil . Ao finalizar a proba haberá unha zona de avituallamento con comida e bebida para todas as persoas participantes. As persoas interesadas en participar, poden inscribirse na web do evento.

Verán en Ruta 18, en Cangas

A Asociación de Animación Sociocultural e Turística A Illa dous Ratos, en colaboración co concello de Cangas, continúa cunha ampla programación de rutas durante os meses de xullo e agosto coa súa proposta Verán en Ruta 18. Esta iniciativa, ofrece excursións guiadas gratuítas polos lugares máis característicos do municipio de Cangas.

Massó, Intermareal, Cabo Home, Senda Costeira, Muíños de Coiro, Cangas e o mar, Cangas 1617 e O Hío, conforman a selección de lugares que completan a oferta de Verán en Ruta 18. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse na Oficina de Turismo de Cangas, no teléfono 986 392 023 ou enviando un correo electrónico, indicando o nome, idade, a ruta seleccionada e un número de contacto ailladosratos@gmail.com.

Enobús, en Cambados

O Concello de Cambados, con motivo do nomeamento deste municipio como Cidade Europea do Viño de 2017, ofrece unha nova experiencia turística para os máis devotos do enoturismo. Esta experiencia traslada aos seus participantes a varias das mellores adegas das Rías Baixas, onde poderán gozar de dous viños albariños da D. O. Rías Baixas durante os meses de xullo e agosto. Ademais, as e os asistentes poderán visitar o Museo do Viño, e coñecer de primeira man a historia, a tradición e a cultura do viño Albariño.

O prezo do ticket, que inclúe a viaxe en autobús, unha experiencia enoturística e a visita guiada á adega é de 12 euros e de 6 euros para nenas e nenos de idades comprendidas entre 10 e 17 anos. As persoas menores de 10 anos poderán gozar da experiencia de forma gratuíta.

A ruta do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra pon en marcha desde o mes de xullo un programa de visitas guiadas gratuítas con visitas diarias a súa colección, ás ruínas de San Domingos e unha ruta polos diversos edificios que integran o Museo de Pontevedra.

As principais obras das coleccións de dous dos edificios do Museo de Pontevedra, o Sexto edificio e o edificio Sarmiento, estarán abertos ao público diariamente. As visitas guiadas realizaranse de martes a venres de 12 a 19 horas e os sábados, domingos e festivos ás 12 horas, ata o 30 de setembro.

As visitas ás ruínas de San Domingos, un dos monumentos máis visitados en Pontevedra, desenvolveranse de martes a venres de 12 a 17:30 horas, os sábados ás 17:30 horas e os domingos e festivos ás 12 horas , ata o 31 de outubro. Das ruínas deste convento gótico de 1282, declarado Monumento Nacional, consérvase a cabeceira de cinco ábsidas do edificio xunto con parte do muro sur da igrexa e a entrada ao capítulo do convento.

Por outra banda, a ruta do museo pretende realizar unha radiografía das principais obras das coleccións dos seis edificios do Museo de Pontevedra. Estas rutas, que percorren os distintos edificios do museo levarán a cabo os sábados ás 11:30 horas ata o 31 de outubro. Para esta última actividade, é necesario inscribirse enviando un correo electrónico a gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986 804 100, de 8:30 a 14:30 horas.