Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Atlantic Fest inunda de música la ría de Arousa

Atlantic Fest inunda de música a ría de Arousa

O 20, 21 e 22 de xullo a praia do Bao e outros escenarios da Illa de Arousa acollerán concertos de estrelas como Kaiser Chiefs, The Vaccines ou Iván Ferreiro

Cartel Atlantic Fest 2018 en Illa de Arousa

Unha contorna mariñeira idílica, a da máxica A Illa de Arousa, acollerá os días 20, 21 e 22 de xullo a terceira edición de Atlantic Fest, unha das citas imprescindibles dos Festivais Rías Baixas. Na espectacular contorna da praia do Bao, onde se producirán gran parte das actuacións musicais de artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional como Kaiser Chiefs, The Vaccines, Iván Ferreiro ou A Casa Azul, presentouse esta mañá esta proposta festivaleira que inundará de música, gastronomía e todo tipo de actividades a ría de Arousa.

Atlantic Fest representa a esencia mariñeira”, recalcou o deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor, durante a presentación no Edificio de Usos Náuticos da localidade. Ademais Santos Héctor lembrou que “xunto con outras seis importantes citas musicais na provincia de Pontevedra, conforma Rías Baixas Fest, a ambiciosa aposta da Deputación de Pontevedra polo turismo musical”, nos que a presenza do numeroso público “axuda a dinamizar a economía local alí onde se celebran, conseguíndose o 100 % da ocupación hostaleira”.

Campañas polo medio ambiente e a igualdade

Nesta edición do Atlantic Fest estará presente a campaña de sensibilización ambiental da Deputación de Pontevedra “Somos historias, somos sostibles”, coa que se pretende concienciar sobre a importancia de respectar as contornas costeiras e fluviais. Por iso na Illa de Arousa repartiranse algunhas das 50.000 ecocabichas que conforman a campaña institucional, xunto coa presenza de contedores de plástico e monitores ambientais, todo co obxectivo de implicar ás e aos festivaleiros na importancia de preservar a incrible contorna natural no que leva a cabo o festival.

Tamén terá presenza nesta cita arousá dos Festivais Rías Baixas a campaña pola igualdade da institución pontevedresa “Lembra eu decido, ti respecta”, que este ano baixo o lema “Conta comigo eu respéctote” pretende concienciar ás mozas e aos mozos sobre o seu necesario rexeitamento a calquera conduta que non respecte á muller, fomentando a prevención e buscando un posicionamento claro de oposición fronte a calquera agresión contra a integridade feminina.

Rock e pop nunha praia de ilusión

Atlantic Fest ofrecerá na súa terceira edición a combinación de artistas de gran calidade, gastronomía, paisaxe, mar e actividades infantís e para a familia. O escenario principal situarase na praia de bandeira azul do Bao, unha incrible contorna natural na que estrelas de renome internacional como os rockeiros británicos Kaiser Chiefs ou The Vaccines ou figuras tan consolidadas do pop nacional como Iván Ferreiro ou La Casa Azul farán vibrar ás e aos festivaleiros que se apunten a vivir esta proposta de diversión garantida.

A música estenderase a outras partes da illa, como a praza de abastos, as rúas ou o auditorio da localidade, este último denominado Escenario Turismo Rías Baixas, escenarios onde Os Nastys, Jay ou Soledad Vélez despregarán a súa mestría para deleitar os oídos máis esixentes. Un mercado discográfico, conferencias, xogos para nenas e nenos e actividades náuticas como kaiak ou pádel surf complementan a oferta do festival, que conta con zona de acampada e servizo de autobuses. En resumo, unha experiencia global para que as e os que se apunten ao Atlantic Fest só teñan un pensamento cando todo acabe: volver de novo á Illa de Arousa.

Etiquetas: portada