Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - La luna de sangre tiñe el cielo de las Rías Baixas

A lúa de sangue tinxe o ceo das Rías Baixas

O Observatorio de Forcarei, o miradoiro do Castro ou a Praia de Silgar son algunhas das alternativas para contemplar hoxe a eclipse luar na provincia de Pontevedra

Faro y luna llena

Coñecida como “lúa de sangue” debido á cor vermella que adquire, a lúa vivirá hoxe a eclipse máis longa deste século, un fenómeno producido pola súa perfecta aliñación coa Terra e o Sol. A partir das nove e media da noite, e ata as once e cuarto, hora na que a lúa progresivamente volverá ser visible, poderemos contemplar este espectáculo único no ceo das Rías Baixas .

Lugares elevados e nos que se poida ver o horizonte sen obstáculos son os idóneos para gozar dunha visión para a que non se require ningún tipo de equipamento especial, ao non ser nociva para a vista. Ademais de lugares tradicionais para a observación na provincia de Pontevedra como as illas Cíes, o Monte Siradella no Grove, Vila de Cruces ou o Monte do Facho en Cangas; no Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF), o Monte do Castro e a Praia de Silgar contarás con actividades específicas.

Observatorio astronómico de Forcarei

Observatorio Astronómico Forcarei, Pontevedra

Cunha xornada de portas abertas, o Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF) ofrecerá a observación gratuíta da eclipse luar total máis longa do século XXI, entre as dez da noite e as doce ou doce e media, segundo os prognósticos da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3), a entidade encargada de xestionalo. Cunha cúpula de cinco metros de diámetro e un telescopio de grande potencia, será sen dúbida ideal para visualizar o fenómeno astronómico en toda a súa plenitude.

Con esta actividade, na que ademais da grande protagonista tamén se poderán contemplar outros astros como Xúpiter ou Saturno ao estar a boa altura, arrincará a programación de verán do OAF, que incluirá a observación das Perseidas, ou Lágrimas de San Lorenzo, a choiva de meteoritos que ten lugar cada ano entre o 16 de xullo e o 24 de agosto, e que este 2018 alcanzará a súa maior intensidade durante as noites do 11 ao 13 de agosto.

Miradoiro do Castro, en Vigo

Mirador O Castro, Vigo, Pontevedra

O Monte do Castro, máis concretamente o seu miradoiro, é o punto elixido polas asociacións astronómicas de Vigo para a contemplación do fenómeno luar. A partir das nove e media da noite e ata aproximadamente a unha e media, á xa mencionada FC3, a Agrupación Astronómica Rías Baixas (AARB) e á Asociación Astronómica de Vigo (Astrovigo) asistirán todas e todos aquelas e aqueles curiosos e afeccionadas e afeccionados que queiran vivir unha experiencia única coas estrelas.

Para non perder detalle da beleza deste espectáculo desde as alturas da cidade olívica e optimizar a observación, os organizadores recomendan levar telescopios e prismáticos, aínda que tamén se facilitarán varios telescopios ás e aos asistentes de maneira gratuíta, nunha xornada na que tamén se poderá ver con facilidade Xúpiter e Saturno.

Praia de Silgar en Sanxenxo

Playa de Silgar, Sanxenxo, Pontevedra

Sanxenxo será outra alternativa para observar a eclipse luar grazas a TodoCosmos, o Programa de Divulgación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, co que pretende achegar a ciencia dos astros a toda a sociedade. Mañá entre as dez e media e as once e media da noite poderemos observar o fenómeno desde o paseo da Praia de Silgar .

Xa o próximo mes, este mesmo programa ofrecerá o 17 de agosto unha actividade para observar a lúa crecente xunto aos planetas de Xúpiter e Saturno; mentres que os obxectivos o 29 de agosto, entre as dez e as once da noite, serán Xúpiter, Saturno e a estrela dobre. Completarán esta oferta varias sesións de observación nocturna noPazo da Cultura Emilia Pardo Bazán os días 20, 21 e 22 de agosto.