Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - SonRías Baixas: tres vibrantes días de música, gastronomía e igualdad en Bueu

SonRías Baixas: tres vibrantes días de música, gastronomía e igualdade en Bueu

O festival celébrase desde este xoves ao sábado con Talco, La Raíz, Berri Txarrak, entre outras grandes bandas, e unha aposta por mostrar a mellor cociña das Rías Baixas

SonRias Baixas en Bueu

A música máis divertida, rebelde e combativa soará forte entre o xoves día 2 e o sábado 4 en Bueu. Os Rías Baixas Fests seguen o seu curso este verán e chega a quenda de SonRías Baixas, o evento do Morrazo que combina enérxicos acordes coa mellor gastronomía, unha formidable paisaxe e, como nos outros seis festivais do circuíto, o respecto á igualdade e o medio ambiente da man das campañas da Deputación de Pontevedra.

A nova edición foi presentada esta mañá na vila morracense, nun acto que arrincou coa música en directo de Voodoo e pecharon os acordes e voces de Dakidarría. Bueu converterase en capital do rock e as músicas do mundo.

Os italianos Talco, a banda valenciana La Raíz, os Berri Txarrak, Gatillazo, Desakato, Muchachito, Sara Hebe, Che Sudaka, Terbutalina, The Skarnivals, Muerto, Revolta Permanent e Assekes compoñen un cartel estelar no escenario principal. O sábado, durante o día, a Casa SonRías abrirá as súas portas no Recinto da Estacada, no que a gastronomía do Morrazo será a protagonista.

Chefs da contorna ofrecerán nesa terceira xornada as súas mellores creacións ao público á vez que Voodoo subirá ao escenario para ofrecer unha mostra da súa soulk, unha particular mostra de soul e folk. O dúo feminino dará paso a un acústico de Muchachito en solitario e unha actuación sorpresa que poñerá o broche a esta orixinal degustación gastronómico-musical.

“A Deputación está comprometida coa cultura e a música, e así queda patente coa marca #RíasBaixasFests, que engloba os festivais da provincia”, sinalou na presentación o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, para resaltar tamén a promoción do destino Rías Baixas, o retorno económico e a creación de emprego que supón este gran circuíto de festivais, xa un referente na oferta musical estival no noroeste peninsular.

As campañas “Conta comigo, eu respéctote”, contra as condutas machistas; e #SomosSostibles, de coidado ao medio ambiente, estarán presentes na festa

A institución provincial estará presente en SonRías Baixas coa campaña “Conta comigo, eu respéctote”, pola igualdade de xénero e contra as conductas machistas, e #SomosSostibles, que fomenta a recollida de cabichas e plásticos en espazos públicos.

“A quen non viñeron a Bueu en edicións anteriores de SonRías Baixas anímolles a que o fagan, porque se van a enganchar ao festival; e aos que si estiveron aquí outros anos, convídolles a que regresen e gocen coa música, a contorna e a gastronomía”, engadiu Santos Héctor.

O deputado provincial de Cultura e Lingua e edil no Concello de Bueu, Xosé Leal, subliñou que “SonRías Baixas é unha aposta que vén de lonxe, foi crecendo e está xa consolidada”. “Bueu é un espazo para a música, a cultura e a xente, e SonRías encaixa perfectamente na filosofía que defendemos: medio ambiente, igualdade e convivencia interxeracional”, explicou a continuación.

Unha bela contorna

O SonRías Baixas celébrase no centro de Bueu, nunha contorna paradisíaca con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada- e espectaculares espazos naturais como Cabo Udra ou a Illa de Ons , que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre dás Illas Atlánticas. Bueu conta con catro areais de bandeira azul - Area de Bon , Portomaior, Lagos e Lapamán -, e unha excelente oferta hostaleira.