Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - O Marisquiño ya asoma para convertir Vigo en capital rider

O Marisquiño xa asoma para converter Vigo en capital rider

A Deputación de Pontevedra asina co Concello o apoio ao festival con 180.000 euros, mentres avanza a montaxe das pistas e circuítos na zona central do porto

Festival O Marisquiño

Vigo prepárase xa para recibir ás e aos mellores riders e skaters do mundo. O Marisquiño 2018, o festival de deporte de acción e cultura urbana máis importante do sur de Europa, arrincará o vindeiro venres e, tal é a dimensión das instalacións onde competirán as e os mellores riders e skaters do mundo, que a unha semana do evento xa é visible a montaxe das pistas e circuitos na zona central do porto.

Alí estivo onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras asinar co alcalde Abel Caballero o convenio polo que a institución provincial achegará 180.000 euros a este fantástico #RíasBaixasFests. “É un evento de cultura urbana extraordinario, que nos sitúa en todos os lugares do planeta. Apostar polo Marisquiño é facelo pola modernidade e a cultura do século XXI”, destacou Carmela Silva.

O evento encadea récords de visitantes ano tras ano e a organización espera superar entre os días 10, 11 e 12 de agosto os 160.000 que abarrotaron a zona central portuaria en 2017 para presenciar os malabarismos, saltos e piruetas extremas das e os participantes nas espectaculares disciplinas que acolle o festival, entre elas BMX, flatland, dirt jump, skateboarding e motocross.

Descenso extremo polo centro histórico de Vigo

A estas especialidades únese o espectacular descenso polo barrio histórico de Vigo, o MTB Downtown, unha vertixinosa baixada entre calellas, prazas e escaleiras ata a meta na zona do Náutico. O Marisquiño incorpora este ano ademais o baloncesto 3x3, que será olímpico en 2020. Carlos Domínguez “Pity”, director do evento, avanzou que participará un exxogador da NBA cuxo nomee evitou desvelar por agora. Ademais, no elenco de estrelas estará en Vigo o mundialmente coñecido skater Jake Ilardi.

O grafiti, break dance e concertos de distintos estilos musicais (hip hop, música electrónica, rock, punk…) conforman a oferta de expresións artísticas do festival.

“O Marisquiño converteuse nun evento de referencia no deporte e a cultura urbana. É un orgullo apoiar este grande festival”, apostilou Carmela Silva.

Etiquetas: portada