Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Los Caminos de Santiago en la provincia, un imán para el turismo

Os Camiños de Santiago na provincia, un imán para o turismo

As rutas xacobeas que cruzan Pontevedra gozan dunha saúde de ferro: todas rexistran aumentos de peregrinos e peregrinas desde que empezou o ano

pegrinos camino portugués

Os Camiños de Santiago son xa un dos grandes reclamos da provincia de Pontevedra. Todas as rutas xacobeas que pasan por este destino turístico experimentan un aumento no número de peregrinos e peregrinas. O itinerario portugués central superou só en xuño as 10.000 persoas, un 13 % máis que o mesmo mes do ano pasado. O crecemento do Camiño da Costa foi do 45 %, o da Vía da Prata do 12 %, e o do Camiño de Inverno triplica os datos de xuño de 2017.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu esta mañá os datos nunha comparecencia para dar conta do balance turístico tras o peche de xullo. O primeiro mes de tempada alta a ocupación hostaleira na provincia foi do 74 %, cunha alta demanda en aloxamentos de turismo rural, cámpings e vivendas turísticas.

No caso de establecementos hoteleiros os datos por comarcas son: O Salnés 75 %, O Morrazo 83 %, Caldas 88 %, Vigo 78 %, Pontevedra 72 %, Baixo Miño 68 %, O Condado e A Paradanta 61 %, e Deza e Tabeirós-Terra de Montes 58 %.

En canto ás casas de turismo rural a media foi do 70 % en todo o territorio, superando en tres puntos a ocupación de xullo de 2017. Os datos son: O Salnés 92 %, Pontevedra 60 %, O Morrazo 93 %, Caldas 64 %, Vigo 57 %, Baixo Miño 89 %, O Condado e A Paradanta 55 %, e Deza e Tabeirós-Terra de Montes 47 %.

En canto ás vivendas turísticas, a ocupación o mes pasado foi en conxunto do 77 %, dezasete puntos sobre as estimacións iniciais; mentres que nos cámpings alcanzou o 65 %, un rexistro tamén superior ao do mesmo mes de 2017.

Entre as e os turistas estranxeiros que recalan nas Rías Baixas destacan por número os procedentes de Italia, Francia, Portugal, Alemaña e o Reino Unido.

Os viaxeiros e viaxeiras que recalan no Destino Rías Baixas , un 83 % procede de diferentes zonas do Estado. Destacan por número, en canto a procedencia, as e os turistas de Madrid, País Vasco, Barcelona, Valladolid, Zaragoza e Navarra. Entre as persoas estranxeiras, os grupos con maior representación proveñen de Italia, Francia, Portugal, Alemaña e Reino Unido.

Un 52 % das persoas teñen entre 35 e 60 anos de idade, e a metade alóxase en hoteis cunhaestancia media de entre sete e quince días. O lecer e a cultura son as razóns que moven maioritariamente ás e aos turistas para elixir As Rías Baixas. “Vese ademais con claridade que empezamos a desestacionalizar e internacionalizar o turismo na provincia de Pontevedra”, engadiu a presidenta da Deputación.

Castillo Soutomaior

Castelo de Soutomaior

Por outra banda, Carmela Silva sinalou que no mes de xullo visitaron o castelo de Soutomaior, unha das grandes xoias do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra, 5.190 persoas, o que supón un 17 % máis que en 2017.

A fortaleza ten desde maio un atractivo museo no seu interior que conta a súa historia e a vida dos seus personaxes a través de orixinais e innovadores medios.

Desde a súa apertura disparáronse as visitas.

 

 

Xacemento de O Facho

Monte Facho

Por outra parte, a Deputación de Pontevedra aprobou o convenio co Concello de Cangas e a Comunidade de Montes do Hío para a intervención arqueolóxica no O Facho de Donón.

A institución provincial achegará máis de 250.000 euros para a recuperación e posta en valor con fins turísticos deste xacemento galaico-romano situado nun enclave privilexiado, coa Costa da Vela aos pés e as illas Cíes ao fondo.

“É unha área moi importante desde o punto de vista arqueolóxico cunha paisaxe extraordinaria de referencia na provincia”, engadiu Carmela Silva. A intervención xa arrincou e en pouco máis dun mes acháronse 2.000 pezas, entre elas catro moedas romanas do século IV d. C., un obxecto de ferro que actualmente está en estudo, restos de ánforas romanas e cerámicas castrexas.

Etiquetas: portada