Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Fiesta del Agua: el baño multitudinario más esperado de las Rías Baixas

Festa da Auga: o baño multitudinario máis esperado das Rías Baixas

Vilagarcía de Arousa prepárase para honrar a San Roque coa celebración de Interese Turístico Nacional, concertos, Combate Naval e Festa da Ameixa entre outras actividades

As Festas de San Roque mergullan a Vilagarcía de Arousa en once días de diversión para todos os públicos. Esta celebración, declarada de Interese Turístico Nacional, alcanzará o seu día grande o 16 de agosto coa Festa da auga, na que bombeiros, veciñas e veciños remollan con mangueiras e cubos a miles de persoas na praza de Galicia.

A orixe desta tradición tivo lugar durante a procesión do ano 1978, na que as veciñas e veciños da localidade botaron auga ás e aos participantes debido a unha onda de calor. As actividades comezarán este xoves coa lectura do pregón ás 21:00 horas e a ofrenda floral ao santo, na praza de España.

Ese mesmo día, a orquestra Marbella estreará as noites de verbena na avenida da Mariña e a orquestra Gran Parada será a encargada do peche o día 18. Ademais, a vila inundarase de música tradicional durante practicamente todos os días con diversos desfiles. Para o público infantil, celebrarase desde este xoves ata o día 14 o Festiclown, con espectáculos de maxia, humor e animación.

A festa máis esperada de Vilagarcía de Arousa

Os actos relixiosos comezarán o mércores 15 no Barrio de San Roque ás 11:30 horas, cunha misa solemne e unhaprocesión ao compás da Banda de Música Os Terribles de Arousa en honra a San Roquiño. Este acto concluirá cunha degustación de empanada e viño. O xoves 16, coa festividade relixiosa de san Roque, procederase ao traslado, desde a igrexa parroquial ata a capela de san Roque, da imaxe do Santo ás 11.45 horas. Máis tarde, ás 12:00 horas, dará comezo a tradicional Festa da auga que concentrará a miles de persoas na praza de Galicia, que pedirán auga ás veciñas e veciños da localidade.

El Cigala, Uxía e Dulce Pontes

O compositor galego Fredi Leis inaugurará este venres ás 23:00 horas as noites de concertos gratuítos no parque da Xunqueira. A este artista sumaranse outros como El Cigala; o día 11, Milladoiro; o 12, a Escola Coda e a Banda de Música de Vilagarcía con “Noites de Broadway”; o 13, e Tequila na súa última xira como banda; o 14. O encargado de poñer o broche de ouro aos concertos da Xunqueira será Juan Carlos Cambas o venres 17 con varios artistas, como Dulce Pontes, Uxía ou Rosa Leiro, entre outros.

Festival Revenidas, o Combate Naval e a Festa da Ameixa

O último fin de semana das festas reunirámúltiples actividades relacionadas coamúsica, a pirotecnia e a mellor gastronomía das Rías Baixas. O festival Revenidas, a última proposta do verán dos #RíasBaixasFests que aposta pola música en galego combinada coa presenza de bandas internacionais, celebrarase en Vilaxoán do 17 ao 19 de agosto. Este festival contará coas actuacións dalgúns grupos como Soziedad Alkoholika , The Real Mckenzies, Joan Garriga e Galactic Mariatxis, Keltoi!, Zoo, The Dawlins ou Dakidarria.

O sábado 18, será a quenda para o Combate Naval, un espectáculo pirotécnico cheo de luz e cor que reúne cada ano na praia da Concha-Compostela a preto de 25.000 persoas. O combate, que leva máis dun século iluminando a praia, crece esta edición con 8.000 lumes, 680 quilos de pólvora e unha traca final máis longa, ademais dos focos de luz que desde O Ramal, alagarán o areal de luz e espectáculo.

Os días 18 e 19 de agosto, a gastronomía virá da man da XXVI Festa da Ameixa, na alameda de Carril e declarada de Interese Turístico de Galicia. As e os asistentes poderán degustar deliciosas racións deste prezado molusco, a ameixa, coa compañía dalgúns dos mellores viños da terra. Ademais, o domingo 19 terá lugar ás 21:30 horas o popular Desfile de Carrozas.