Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Agárrate que veñen ondas! Praias para facer surf nas Rías Baixas

Agárrate que veñen ondas! Praias para facer surf nas Rías Baixas

A oferta de praias para practicar surf na provincia de Pontevedra é moi variada, con propostas para todos os niveis, as e os principiantes e expertas ou expertos

Playa de Patos

A provincia de Pontevedra é un lugar ideal para practicar deportes acuáticos, e o surf, é todo un clásico. Durante o verán ou en calquera época do ano, o litoral das Rías Baixas é unha fantástica opción para practicar este deporte debido á calidade das súas praias. Ademais non importa se es unha experta ou experto, ou se queres iniciarte no mundo do surf, as praias da provincia ofrecen opcións para todos os niveis onde poderás iniciarte ou perfeccionar a túa técnica.

Durante o inverno, as praias das Rías Baixas ofrecen ondas de calidade ás e aos locais, e a surfers chegados doutras partes da península. Con todo, durante a tempada estival, as augas adoitan estar máis tranquilas, convertendo ás praias da provincia de Pontevedra no escenario idóneo para persoas principiantes. Antes de comezar, recoméndase usar un neopreno de grosor mínimo 4/3 mm para o verán, e un de mínimo 5/4 para os días de inverno, nos que os escarpíns, gorros e luvas converteranse no teu perfecto aliado para enfrontar as baixas temperaturas da auga. A continuación, comezaremos a surfear, de norte a sur, por algunhas das mellores praias das Rías Baixas.

Territorio surfer no Grove e Sanxenxo

A praia da Lanzada, que forma un istmo que serve de unión á terra da península do Grove, está situada entre o municipio e o de Sanxenxo. Esta praia divídese en tres partes: a parte esquerda, A Lanzada, e a parte da dereita, Cantalapiedra, perfectas para as e os surfeiros principiantes, e a parte central, denominada Aeropuerto, que acolle a persoas surfeiras de nivel medio. A praia da Lanzada, é perfecta para iniciar a túa andaina nun dos deportes reis do mar, xa que conta con diversas escolas de surf durante todo o ano.

Nas inmediacións da Lanzada, na localidade de Sanxenxo, atópanse as praias de Foxos, de nivel medio, e para deportistas do surf de nivel avanzado, a de Fontenla, cunha onda XXL que rompe soamente con grandes temporais e que funciona a partir dos tres metros. Neste mesmo municipio, viaxando pola litoral dirección sur, atopámonos unha das mellores praias para surfear en Galicia, a praia de Montalvo, cunha onda potente que rompe en condicións de mar de fondo. Antes de abandonar Sanxenxo, están algunhas praias para todos os niveis, como a de Canelas e a de Os Mortos , en Areas, de nivel experto.

Nigrán, o paraíso do surf na Ría de Vigo

Playas para hacer surf en las Rías Baixas

Moi próxima á cidade de Vigo, atópase unha das mellores praias da Ría de Vigo, a praia de Patos, en Nigrán, onde conviven as e os surfeiros principiantes e expertos. Esta praia, e a de Prado, tamén coñecida como As Canas, están situadas cara á dereita da zona de Patos, e a calidade das súas ondas, fan que sexan perfectas para a iniciación, polo que hai varias escolas de surf na zona. Máis á dereita, fórmase A Cala, onde rompe unha onda curta e contundente cando se dan as condicións adecuadas.

Ademais, na zona de Patos, atópanse dous fantásticos picos para o deleite das persoas máis expertas. Con ondas de dereita, fórmase o que se coñece como o pico de Patos, que ofrece a deportistas do surf máis intrépidos a mellor onda da ría de Vigo; rápida e con bos tubos, e que rompe sobre un fondo de roca e area. Á esquerda, atópase o pico de Monteferro, un dos picos máis famosos cunha onda de moi alta calidade e constante.

Última parada para as e os surfeiros de nivel experto na provincia de Pontevedra

Para finalizar a nosa andaina cara ao sur, continuamos atao municipio de Oia, onde despois do pobo de Santa María de Oia, á esquerda da súa enseada, atópase outro enclave de dificultade alta, con vento sur, ondas de formación rápida e unha costa con rocas. Na mesma localidade, Os Cantos consolídase como unha onda para as persoas surfeiras de nivel alto e con bastante confianza sobre fondo de roca, e, por último, F3-La Salvaje, rompe a uns 200 metros da costa, cuns tubos curtos e intensos, tamén para deportistas do surf con gran experiencia.

Etiquetas: portada