Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As Festas do Cristo de Cangas chegan para quedar ata o 1 de setembro

As Festas do Cristo de Cangas chegan para quedar ata o 1 de setembro

A vila celebrará dez días de festa cun programa cheo de probas deportivas, música tradicional, verbenas e actuacións de artistas como De Vacas, Treixadura, ou Burning

Cartel Fiesta del Cristo de Cangas

Este ano as Festas do Cristo de Cangas inundarán á localidade cun ambiente festivo durante dez días, cheo de actuacións musicais e probas deportivas, que comezaron xa onte coa apertura do recinto feiral e o aceso da iluminación, ata o sábado 1 de setembro. Hoxe haberá concertos de artistas como Pültur, Falperrys e Dj Flor, a partir das 22:30 h en Naves de Ojea. Estas actuacións precederán á tirada de lumes e ao pregón de mañá, con Xosé Henrique Rivadulla Corcón ás 12:00 h, como inauguración oficial.

A música será a grande protagonista das festas da vila mariñeira

Mañá será o tradicional acto da Queima de Damas e Galáns ás 12:30 h, que congrega cada ano a centos de persoas. A música mariñeira do Orfeón Mariñeiro do Berbés aterrará directamente en Naves de Ojea ás 13:00 h. Pola noite, terá lugar o XXI Festival de bandas de gaitas “Tromentelo”, no parque da Palma ás 22:00 h. Media hora despois, as orquestras Santiago DCDespacito actuarán na avenida Eduardo Vicenti, e a Familia Caamagno e DJ Moe, a partir das 23:30 h en Naves de Ojea.

As actividades deste domingo virarán ao redor dos actos relixiosos da misa solemne do mediodía, con banda de música incluída, e a procesión en honra ao Cristo do Consolo e á Virxe do Carmen, onde soará o Himno do Cristo e da Salve Mariñeira. Como peche a esta xornada, o marabilloso espectáculo pirotécnico, coa paisaxe das Rías Baixas de fondo, ofrecerá ás e aos asistentes unha vista de postal, como antesala á actuación de orquestra Televisión, ás 23:30 h no paseo de Castelao .

Durante toda a semana, desde este luns ata o xoves 30 de agosto, diversos desfiles ambientarán as rúas da localidade amenizando ás e aos viandantes con todo tipo de propostas musicais. Ademais as verbenas da Avenida Eduardo Vicenti traerán á localidade desde os pasodobres máis recoñecidos ata os temas máis actuais coas actuacións da orquestra Xacobeo, o día 27 ás 22:30 h, e orquestra Ritmo Joven, o día 20 ás 22:00 h.

O festival “Así Canta Cangas”, que rende tributo á música coral, celebrarase outro ano máis os días 29 e 30 de agosto, deleitando ás e aos asistentes coa música dos coros no Eirado do Costal ás 20:00 h. Ademais, haberá durante toda a semana múltiples propostas musicais cos concertos nocturnos que farán desfilar, polo paseo de Castelao e as Naves de Ojea, a artistas como Treixadura; o luns 27, Burning; o martes 28, Balea’s Blues; o mércores 29 ou De Vacas; o xoves 30.

O último fin de semana, o do venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro, completaranse estes dez días de festa na localidade mariñeira de Cangas cun amplísimo repertorio musical. As noites de verbena, encherán de música, estas dúas xornadas, a avenida Alberto Vicenti a partir das 22:30 h, coas actuacións das orquestras Magos, PrincipalEmperadores. Algunhas e algúns artistas como Jenny and The Mexicats, o venres, e Martelo e Anarchicks, o sábado , poñerán o broche de ouro aos concertos das Naves de Ojea a partir das 23:00 h. Ademais, o sábado, será a quenda para o Festival de música tradicional “Lembranzas da Ría”.

Club Náutico de Rodeira

Deporte sobre terra e mar nas Festas do Cristo

As Festas do Cristo tamén ofrecen un amplo programa de actividades con probas deportivas para todos os públicos. Hoxe a media tarde, Baloncesto 3x3 na Pista Alameda do Señal, e mañá o All Star Defensores do Morrazo, ás 18:00 h e despois, o Torneo Festas do Cristo Cesto Base, no pavillón de Rodeira. Mañá, ademais, ás 19:00 h no pavillón Gatañal disputarase o Trofeo Balonmán Internacional Concello de Cangas, entre o Club Balonmán de Cangas Frigoríficos do Morrazo e o portugués SF. C. Gaia.

Este domingo acabarase a quenda do tenis nas pistas de san Roque, co XX Torneo Aberto de Tenis Concello de Cangas, que enfronta desde o día 16 a persoas federadas e a non federadas. Durante a semana, as e os adeptos ao deporte terán que esperar ata o fin de semana seguinte, do venres 31 de agosto ao domingo 2 de setembro, onde o deporte trasladarase ao mar, co Campionato Galego de 420 de Vela e a Regata Festas do Cristo. Finalmente, o domingo 2 de setembro, a programación deportiva concluirá co Campionato de Pesca Submarina e a entrega posterior de premios na lonxa de Cangas.

Etiquetas: portada