Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Expertos en turismo dixital debaten no castelo de Soutomaior

Expertos en turismo dixital debaten no castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada o 24 de outubro sobre os cambios no modelo turístico, as novas ferramentas e a adaptación do sector ao futuro

Encuentro de turismo digital en el Castillo de Soutomaior, Pontevedra

O castelo de Soutomaior acollerá o próximo 24 de outubro a primeira Xornada TurisTIC de Turismo Dixital, un evento organizado pola Deputación de Pontevedra no que, a través de varias charlas e mesas redondas, destacados expertos e axentes do sector en España debaterán sobre a transformación no modelo turístico, casos de éxito, e cambio de hábitos de consumo coas novas Tecnoloxías da Comunicación e Comunicación (TIC).

“Contaremos con algúns dos relatores máis relevantes de España”, afirmou esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao anunciar a celebración desta xornada, que leva por título “Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico”.

O prazo de inscrición está aberto a través de SmartPeme, servizo que abandera o proxecto TurisTIC, un punto de apoio á modernización do sector turístico creado o pasado mes de maio. O límite de prazas para asistir ao evento no castelo de Soutomaior será dun centenar e cubriranse por orde de entrega das solicitudes.

Nuevas tecnologías aplicadas al turismo

O evento será inaugurado polo presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segitur), Enrique Martínez Marín, e a primeira charla virará ao redor de “A innovación como motor do cambio no sector turístico”. O relator será Raúl Jiménez Algobia, fundador e CEO do coñecido portal de viaxes MiNube.

O director rexional de Paradores para a Zona Norte, José Ignacio Bosh, moderará a mesa redonda “Mellora da experiencia do visitante e fidelización de turistas ”, na que participarán Víctor Longo (Partee), Chiú Longuina (Pumpún Dixital) e Xoel Vázquez (Xoia Software Development”.

O “Impacto das TIC no sector turístico” será analizado por Antonio Rodríguez, presidente do Clúster TIC Galicia; Mar Rodríguez (Teetravel) e Cristina Collazo (Volta Montana). Moderará a presidenta de Empresarias de Galicia, Susana Pérez Igrexas.

Outra das mesas versará sobre a “Evolución da comunicación turística”, e encargarase de dirixir o debate Alberto Rivas, bloguero de Alvientoo . Nesta charla participarán tamén Leticia Pérez (Galicia TB), Alberto Traversa (La Alacena Roja) e Carmen Delia García (Escapalandia).

Os primeiros Premios ao Talento Turístico da Provincia de Pontevedra serán entregados ao termo e xa está aberto o prazo para as empresas que queiran inscribirse

Ademais das conferencias e mesas redondas, durante a I Xornada TurisTIC farase entrega dos primeiros premios ao Talento Turístico da provincia de Pontevedra “co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido a favor do turismo”, asegurou Silva. Os premios contan con cinco modalidades (Talento Turístico sustentable, Talento Turístico innovador, Talento Turístico gastronómico, Talento Turístico experiencial e Talento Turístico TIC) e desde hoxe e ata o 8 de outubro as empresas interesadas en optar a algunha das modalidades poderán facelo a través desta ligazón.

Rueda de Prensa sobre turismo de la Presidenta de la Diputación de Pontevedra

A Deputación, na Rede Española de Cidades Intelixentes

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén informou da reunión mantida o xoves na Secretaría do Estado de Turismo para o lanzamento dunha nova rede estatal de destinos turísticos. Durante o encontro, no que se recoñeceu o papel do Goberno provincial na modernización tecnolóxica do sector turístico de Pontevedra, participaron “moi poucas deputacións provinciais e entidades locais de España escollidas polo Goberno de España como promotoras da nova Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes”, explicou Carmela Silva.

Segundo adiantou a presidenta, a nova rede estatal operará como un órgano funcional e operativo a través do que se vai a mellorar a experiencia do turismo a través da innovación e sustentabilidade. Tamén desde a rede vai asesorar sobre calidade, solucións tecnolóxicas e capacitación dixital; e ofertaranse mellores experiencias para as e os visitantes.

Etiquetas: portada