Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As Rías Baixas acelera na transformación dixital para mostrarse ao mundo

As Rías Baixas acelera na transformación dixital para mostrarse ao mundo

Responsables de empresas que participan na aceleradora da Deputación de Pontevedra contan a súa experiencia e os retos de futuro do sector no Día Mundial do Turismo

As Rías Baixas acelera en la transformación digital para mostrarse al mundo

O grande escaparate dos destinos turísticos está hoxe na internet, nas redes sociais e nunha infinidade de ferramentas dixitais que as e os viaxeiros utilizan para organizar as súas vacacións e escapadas. A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas consideran as Tecnoloxías da Comunicación e a Información (TIC) instrumentos craves para mostrar este destino ao mundo, e para iso impulsaron este ano varias iniciativas. Tourist Inside Rías Baixas, un proxecto punteiro na xestión turística ao que se dedicarán 1,9 millóns; o servizo TurisTIC de formación e apoio tecnolóxico ao sector enmarcado no servizo SmartPeme, xa en marcha con gran acollida; e a aceleradora de empresas, nas que participan cinco asinamentos da provincia de Pontevedra, son a punta de lanza desta aposta.

Con motivo do Día Internacional do Turismo, que se celebra hoxe e está dedicado á innovación e transformación dixital, a Deputación reuniu no Pazo provincial a responsables das empresas que participan na aceleradora: El salón de tus viajes, unha axencia que organiza viaxes a medida; a Adega Gran Bazán (Vilanova de Arousa), con máis de 30 anos de experiencia ás súas costas; a casa de turismo rural Abadía das Eiras (O Rosal); a axencia especializada en arte e arqueoloxía Namorarte; e I’m a local, compañía que pon en contacto ás viaxeiras e aos viaxeiros con empresas do destino para proporcionar unha experiencia personalizada.

As cinco empresas, do mesmo xeito que boa parte do sector turístico das Rías Baixas, están concienciadas sobre a necesidade de adaptarse aos novos tempos e apostan por sacar o máximo partido ás ferramentas dixitais, en constante transformación, para ofertar os seus servizos e produtos. Estas son algunhas claves extraídas do encontro coa presidenta da Deputación, Carmela Silva.

“Contar” coas TIC

A presidenta da Deputación explicou na charla que a institución “aposta pola excelencia, a internacionalización e a desestacionalización ”. Con ese obxectivo apuntou como ferramentas fundamentais ás TIC. “Temos que namorar a quen nos visita para que non deixen de vir. As nosas empresas son altamente competitivas e hai moitísimo talento. Agora hai que saber contalo e as novas tecnoloxías resultan fundamentais, por iso son tan importantes proxectos como TurisTIC, a aceleradora de empresas do sector e “Tourist Inside Rías Baixas”.

Experiencias personalizadas

“O público é cada vez máis esixente. As e os novos viaxeiros utilizan as novas tecnoloxías e as ferramentas TIC son indispensables para ofertarlles unha experiencia personalizada”, explicou Tamara Molares, responsable de El salón de tus Viajes. O estudo de diferentes motores de reservas para incluír na súa web, a mellora da imaxe corporativa e o deseño dun plan de márketing dixital figuran entre os seus obxectivos dentro da aceleradora.

As Rías Baixas acelera en la transformación digital para mostrarse al mundo

Público conectado

A adega Gran Bazán atesoura tres décadas de traxectoria, forma parte da Ruta do Viño Rías Baixas, e busca co proxecto piloto da Deputación potenciar as visitas enoturísticas. “O público que máis tira e máis compra é novo e está moi conectado á rede. Debemos dominar as ferramentas para atraelo e é esencial ter unha forte presenza na internet ”, explicou Anabel García. A creación de eventos e produtos enoturísticos e a mellora da comercialización son algunhas das accións nas que traballa a empresa baixo a supervisión e apoio da Deputación de Pontevedra.

Novas ferramentas, novos produtos

“Queriamos potenciar o enoturismo e a paisaxe do río Miño e a súa contorna. Coa aceleradora estamos a aprender as solucións para lograr o noso obxectivo”, explicou Anxo Martínez, de Abadía das Eiras. O seu proxecto está centrado en crear novos produtos, revisión da web, mellora da comercialización “en liña” e información turística a través da Rede.

Renovarse na contorna dixital

A axencia Namorarte está centrada en poñer en valor e ofertar servizos relacionados co patrimonio arqueolóxico da provincia de Pontevedra. “Esta aceleradora marcou un antes e un despois na empresa. Ofrécenos novas ferramentas na contorna dixital”, indicou Carmela Pereira. A creación de contidos, produtos e experiencias son, xunto co deseño da imaxe corporativa, o márketing en liña e a comercialización, as áreas nas que traballa dentro da aceleradora.

Carmela Silva felicitou ás e aos empresarios. “No Día Mundial do Turismo queremos que a cidadanía da provincia estea orgullosa de persoas emprendedoras e innovadoras como vós”, eloxiou, para agregar que en 2019 a institución provincial impulsará unha nova aceleradora. “Este proxecto permitiranos facer un seguimento e control para estendela a todas e todos os emprendedores e pemes que aposten polas TIC”, apostilou.

Etiquetas: portada