Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Rías Baixas mantén o tirón turístico en setembro

Rías Baixas mantén o tirón turístico en setembro

O destino logra un 73 % de ocupación, crece a estancia media e aumentan por noveno mes as reservas nas casas de turismo rural

Rueda de prensa Carmela Silva

O sector turístico da provincia de Pontevedra pechou o verán con cifras óptimas de ocupación hostaleira: un 73 % das prazas cubertas, estancias máis prolongadas e un excelente comportamento nos aloxamentos de turismo rural, que seguen a tendencia á alza rexistrado durante todo 2018.

Así o deu a coñecer esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen apuntou que “setembro é un mes cada vez máis atractivo tanto polo bo tempo como polo cambio dos hábitos vacacionais”. Por comarcas, no Salnés a ocupación hostaleira foi do 76 %, en Pontevedra o 88 %, no Morrazo o 58 %, en Caldas o 92 %, en Vigo o 87 %, no Baixo Miño o 67 %, no Condado-A Paradanta o 48 %, e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes do 66 %.

O aloxamento nas casas de turismo rural incrementouse, apuntou Carmela Silva, por noveno mes consecutivo, situándose a ocupación no 50 %. “Apostamos polo interior e ese traballo, sumado ao esforzo do sector privado, está a dar os seus froitos”, proclamou. As vivendas turísticas alcanzaron un 71 %, e os cámpings un 25 %.

En canto ao perfil dos visitantes, oito de cada dez proceden das diferentes autonomías do Estado, mentres que entre os viaxeiros e viaxeiras doutros países destacan por número os procedentes de Portugal, Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia.

Oficina de Información Turística

“Xa en outubro coa Festa do Marisco alcanzouse o 100 % de ocupación no Grove, e a feira mundial Conxemar tivo unha incidencia moi positiva en Vigo e Pontevedra”, expuxo a presidenta da Deputación, para engadir que “a atracción dos visitantes agora non está tan ligada a elementos tradicionais e hai que apostar pola diversificación”.

Os datos proceden dunha enquisa a 102 establecementos hostaleiros, 91 casas de turismo rural e 42 cámpings. Ademais contactouse coa Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, mentres que os datos que permiten coñecer o perfil dos e das visitantes proceden das visitas ás oficinas de Turismo Rías Baixas (10.500 ao longo de setembro).

Camiño de Santiago

Por outra banda, os camiños de Santiago que cruzan As Rías Baixas volveron rexistrar excelentes cifras de persoas peregrinas. Transitaron as diferentes rutas xacobeas máis de 14.000 persoas, un 34 % máis que en setembro de 2017. Especialmente significativo é o incremento no Camiño da Costa, desde A Guarda a Redondela –onde se une ao Camiño Portugués Central–, onde o crecemento de peregrinos e peregrinas foi do 121 %.

Etiquetas: portada