Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Visitas guiadas déixate seducir pola maxia da Armenteira

Visitas guiadas: déixate seducir pola maxia da Armenteira

Turismo Rías Baixas ofréceche un paseo gratuíto polo mosteiro, onde coñecerás as súas orixes, historia, lendas e arquitectura

Monasterio de la Armenteira

Inmerso na natureza do monte Castrove, no municipio de Meis, podemos atopar o mosteiro de Santa María da Armenteira, de estilo románico e absorbido pola Orde do Císter no século XII, centuria na que levou a cabo a construción da actual igrexa. O templo é a única construción orixinal que se conserva do mosteiro primitivo.

Dar a coñecer o valor da arquitectura, a espiritualidade e a beleza deste lugar, é o obxectivo das visitas guiadas regulares organizadas por Turismo Rías Baixas por este marabilloso conxunto do patrimonio espiritual da provincia de Pontevedra. O horario para realizar estes itinerarios durante a semana é de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas, pola mañá; e de 16:00 a 18:00 horas na quenda da tarde. Os fins de semana e festivos a sesión é matinal e comeza ás 11:00 horas.

Para realizar esta actividade de carácter gratuíto é necesario realizar unha reserva previa no enderezo electrónico info.riasbaixas@depo.es, onde os e as interesadas deberán cubrir un formulario para solicitar a visita guiada ao mosteiro.

A visita ten como punto de partida a historia, as orixes e as lendas que alberga este magnífico mosteiro, pasaporte para descubrir os segredos deste marabilloso lugar. Unha lenda sobre a orixe deste mosteiro di que Ero, un cabaleiro da corte de Alfonso VII, decidiu construílo a petición da Virxe nun soño, para redimirse da súa incapacidade de ter fillos coa súa muller. Doutra banda, a historia da súa fundación narra que os monxes da Orde do Cister chegaron a A Armenteira en busca de austeridade.

O itinerario segue nas entrañas da fermosa igrexa de estilo románico que data do século XII. Algúns elementos que sobresaen no interior do templo son unha cúpula de influencia mudéxar, única en Galicia; un impoñente Baldaquino en granito, a materia prima por antonomasia da comunidade galega, orixinario do século XVIII; e o altar maior, onde se erixe nun pedestal a imaxe de Santa María da Armenteira, popularmente coñecida como a Virxe das Cabezas.

Mosteiro da Armenteira

No exterior, un dos elementos que destaca, en contraste coa súa arquitectura austera, é o gran rosetón central que decora a fachada da igrexa, do século XII. Na fachada do mosteiro, máis tardía, pois data do século XVIII, podemos contemplar un escudo monárquico, elemento simbólico que indicaba a pertenza desta construción á Congregación de Castela.

A visita guiada conclúe cun paseo polo magnífico claustro do século XVI, de planta cuadrangular con arcos de medio punto e bóveda de cruceiro. Antigamente, o claustro era un lugar moi importante, de meditación e lectura para os monxes que o habitaban. Desde este punto podemos observar o magnífico campanario do ano 1870, cun definido estilo barroco galego.

Ao redor do claustro congregábanse as distintas habitacións como a biblioteca; a sala capitular, onde antigamente o abade daba os sermóns entre o silencio dos monxes; a sala do tesouro, onde se almacenaban todos os documentos; a sala dos novicios, o comedor ou a cociña.

Desde o ano 1989 unha pequena comunidade de monxas cistercienses habita este fantástico lugar, e logrou un magnífico labor para a conservación deste mosteiro, que ademais é unha hospedería.

Etiquetas: portada