Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - 10 paisajes de otoño en las Rías Baixas

Dez paisaxes de outono nas Rías Baixas

Unha fervenza, cinco bosques, dous parques naturais e dous miradoiros para gozar das cores da temporada na provincia de Pontevedra

Coa chegada do outono ás Rías Baixas as súas fermosas paisaxes tínguense de cores cálidas e ofrécennos unha marabillosa estampa que nos convida a visitar estes lugares. Nos catro puntos cardinais da provincia de Pontevedra podemos atopar bosques, parques naturais, miradoiros e fervenzas que ofrecen unha imaxe única nesta época do ano.

Convidámosvos a gozar das cores do outono nestas dez paisaxes naturais.

Cascada del río Toxa (Silleda)

1. Fervenza do río Toxa (Silleda)

Cunha altura que supera os trinta metros, é o maior salto de auga de toda Galicia. Situada nun incomparable marco natural, a impoñente fervenza non deixa indiferente. O río Toxa nace na serra do Candán e discorre pola comarca de Deza ata chegar á parroquia de Bandeira, en Silleda.

Grazas á súa particular orografía podemos contemplala desde un miradoiro situado na parte alta da fervenza ou ao pé deste magnífico espectáculo acuático da natureza. Cerca atópase unha das xoias do Románico galego, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, en Silleda.

2. Fraga de Catasós (Lalín)

De singularidade e beleza únicas, coñecida tamén coma a carballeira de Quiroga, conta cun importante bosque de carballos e castiñeiros, dos que destacan algúns exemplares que alcanzan os trinta metros de altura, dos máis altos de Europa, e que nalgúns casos roldan os cinco metros de diámetro.

O sendeiro que une a fraga co pazo de Quiroga serviulle de inspiración a Emilia Pardo Bazán para a novela Los pazos de Ulloa, e poderá inspirarnos a nós tamén á hora de fotografar este fermoso contorno natural.

3. Carballeira de Caldas de Reis

Catalogada como ben de interese cultural (BIC) pola súa gran calidade e diversidade de especies arbóreas, procedentes de todo o mundo e moitas delas centenarias, é un dos lugares máis fermosos da provincia de Pontevedra. Situada á beira do río Umia, alberga varias especies que están incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Ademais, conta cunha gran variedade de camelias, a raíña das flores das Rías Baixas.

 

Cascada del río Toxa (Silleda)

4. Bosque de Sequoias (Poio)

Este bosque, tamén coñecido coma o de Colón, é un dos bosques de sequoias máis grandes de Europa. A súa orixe remóntase ao ano 1992, cando os Estados Unidos quixeron conmemorar o aniversario do medio século da chegada de Colón a América obsequiando a España cun total de 500 exemplares de sequoia vermella (Sequoia sempervirens).

O resultado deste símbolo de irmandade entre o novo e o vello mundo son algo máis de dúas hectáreas de sequoias, que nos regalan un belo recuncho natural con fantásticas vistas á ría de Pontevedra.

 

Castillo de Soutomaior

5. Castelo de Soutomaior

Este magnífico conxunto arquitectónico, símbolo do patrimonio da provincia de Pontevedra, metade fortaleza medieval, metade pazo neogótico do século XIX, ofrécelles ás persoas que o visitan un idílico contorno con tres sendas que discorren polos seus xardíns, viñedos e bosques.

Extenso e montañoso no seu inicio, o precioso sendeiro do bosque do castelo de Soutomaior mestura camelias e especies forestais. A capela de San Caetano, un pequeno arroio e fermosas vistas acompáñannos neste itinerario no que podemos contemplar especies coma castaños, carballos, piñeiros, eucaliptos, liquidámbares, albedros ou loureiros; un abano de cores perfecto para o outono.

 

6. Meandros do río Miño (Crecente)

Desde o miradoiro do Cruceiriño, no municipio de Crecente, na comarca da Paradanta, podemos contemplar unha excelente panorámica do val e dos meandros do río Miño. Unha paisaxe rodeada de montes rochosos e bosques de eucaliptos que nos permite gozar das cores do outono na provincia de Pontevedra.

 

7. A Siradella (O Grove)

O monte da Siradella é o punto máis alto da península do Grove e conta cunhas vistas impresionantes de lugares únicos coma as Illas Atlánticas, O Grove, Sanxenxo ou a praia da Lanzada. Ademais, desde este lugar podemos contemplar o Complexo Intermareal Umia-O Grove, unha reserva natural de grande importancia debido á diversidade e á magnitude da súa flora e da súa fauna, e onde as aves executan as súas asombrosas coreografías.

 

Cascada del río Toxa (Silleda)

8. Bosque Encantado de Aldán (Cangas)

A leira Frendoal alberga un marabilloso bosque autóctono con especies exóticas, introducidas no seu momento polos condes de Canalejas, antigos propietarios da leira. As preciosas sendas que percorren este espazo natural permítennos coñecer algúns lugares ocultos entre a súa natureza, coma un pequeno castelo, o de Frendoal, que nunca se chegou a terminar, cun foso, cunha ponte levadiza e cun acueduto, coñecido coma Arco da Condesa, que nos trasladan a unha paisaxe de conto.

 

 

 

Parque natural Monte Aloia

9. Parque Natural do Monte Aloia (Tui)

Próxima a Tui e inmersa na serra do Galiñeiro, atopamos esta extraordinaria atalaia de case 631 metros de altura dunha gran beleza paisaxística. En 1978 foi declarado parque natural, o primeiro de Galicia.

Este fermoso escenario da natureza alberga un recinto amurallado da época galaico-romana e unha pequena ermida dedicada a San Xián, reconstruída en 1713 sobre un templo románico. Neste espazo existen diversas rutas de sendeirismo que nos ofrecen fantásticos miradoiros naturais.

 

10. Parque Natural do Carreirón (Illa de Arousa)

É un espazo de protección de aves situado na parte sur da Illa de Arousa no que podemos tomar fantásticas instantáneas do voo das aves nun precioso contorno natural. Conta cunha gran diversidade e riqueza de ecosistemas naturais, desde dunas, marismas ou piñeirais ata a impresionante paisaxe submarina do seu litoral. Unha estampa tipicamente estival e apta para aquelas persoas que queren gozar da tranquilidade da costa das Rías Baixas no outono.

Etiquetas: portada