Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Concurso de cata amateur dos mellores viños Rías Baixas en Soutomaior

Concurso de cata amateur dos mellores viños Rías Baixas en Soutomaior

A Deputación e a Denominación de Orixe organizan un concurso amateur no castelo con 45 caldos o 11 de novembro que inclúe visita guiada, festa e premios

Rueda de prensa Carmela Silva y Juan Gil

O castelo de Soutomaior é o escenario elixido, o 11 de novembro e con motivo do Día Mundial do Enoturismo, para a celebración da VII Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas, unha iniciativa na que colaboran a Deputación de Pontevedra, a Denominación de Orixe Rías Baixas e a propia Ruta do Viño. A actividade conta cun total de 100 prazas dispoñibles ao prezo de 5 euros por persoa, ou de 8 para aquelas que queiran ir en autobús desde Pontevedra ou Vigo. As entradas están xa á venda na plataforma de Ataquilla ou no teléfono 902504500.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil, presentaron a actividade esta mesma mañá. A cata ten por obxectivo “achegar á poboación da provincia as distintas variedades existentes de viños deste territorio poñendo en valor o noso produto”, segundo palabras de Carmela Silva.

Ademais a presidenta fixo fincapé na gran capacidade do sector vitivinícola na provincia de Pontevedra para favorecer a desestacionalización do turismo. “Non podemos esquecer que as adegas, os restaurantes e os museos integrados na Ruta do Viño son recursos turísticos que xeran cada vez máis interese e ademais teñen un gran potencial desestacionalizador, porque se pode vir gozar de diferentes actividades, de vistas e paisaxes ao longo de todo o ano”, detallou.

O presidente da D.O. Rías Baixas quixo agradecer a colaboración da Deputación de Pontevedra para celebrar esta actividade. “Atopámonos coa boa acollida de Carmela Silva e o seu equipo para facelo no castelo de Soutomaior. Non pode haber unha contorna mellor”, explicou, en referencia ao fermoso escenario no que se celebrará a cata, que empezou a súa andaina en 2012 en Cambados e recala por primeira vez na fortaleza.

Visita guiada, festa, degustacións e premios

Enoturismo

A xornada comezará cunha visita guiada polo castelo de Soutomaior e os seus magníficos xardíns. Ademais a xornada estará amenizada coa música dun DJ que ofrecerá ás e aos asistentes algúns dos mellores éxitos musicais dos anos 70 e os 80.

A actividade estará dividida en dous partes. Na primeira delas, o catador José Aragunde será o encargado de dirixir esta cata-concurso, guiando ás e aos participantes na degustación de cinco viños D.O. Rías Baixas. Despois haberá unha cata a cegas nas que as e aos asistentes deberán aventurarse a identificar os diferentes caldos.

As e os gañadores poderán conseguir un diploma acreditativo de catadores da Ruta do Viño Rías Baixas. Ademais, participarán no sorteo dun enopack que inclúe unha visita a unha adega na Ruta do Viño Rías Baixas. Ao finalizar a actividade poderanse degustar todos os viños , entre 40 e 45 diferentes, acompañados cos mellores petiscos realizados cos produtos tradicionais da terra nesta época de magostos e matanza do porco.

Aquelas persoas que desexen trasladarse en bus ao castelo poderán facelo desde a capela de San Roque en Pontevedra e desde o Centro Comercial da Laxe en Vigo.

Cambados: Mellor municipio enoturístico de España

A Asociación Española de Cidades do Viño (Acevin) outorgou esta fin de semana a Cambados o premio ao mellor municipio enoturístico de España en 2018, o que pon o broche de ouro ao grande ano do sector vitivinícola da vila do Salnés, que en 2017 foi Cidade Europea do Viño e este verán logrou a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional para a Festa do Albariño.

Á mantenta do galardón máis recente tanto Juan Gil como a presidenta da institución provincial, aproveitaron a rolda de prensa para felicitar a Cambados e a todo o sector do viño da zona por todos os seus éxitos.

Etiquetas: portada