Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - TurisTIC retos proxectos e moito talento na gran cita de Soutomaior

TurisTIC: retos, proxectos e moito talento na gran cita de Soutomaior

Importantes personalidades do mundo do turismo e a innovación compartiron opinións e desvelaron claves sobre o futuro do sector neste encontro das Rías Baixas

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, e o presidente do Cluster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, foron os encargados de inaugurar, da man da xornalista Yolanda Vázquez, a I Xornada TurisTIC de Pontevedra "Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico" no magnífico castelo de Soutomaior, escenario de excelencia que congregou a máis dun centenar de persoas ligadas a empresas turísticas da provincia, ademais de contar coa presenza de referentes das TIC e do turismo a nivel estatal.

Responsables de institucións como o Cluster TIC de Galicia ou Segittur; asociacións como Empresarias de Galicia ou GaliciaTB; empresas como minube, Partee, Pumpún Dixital, Xoia Software Development; axencias como Tee Travel ou Volta Montana; e blogues como Trucos Viajeros,Escapalandia, Al Vientoooo ou La Alacena Roja foron os encargados de abordar diversos temas en relación coas novas tecnoloxías e o sector do turismo.

Como colofón ao evento, organizado pola Deputación de Pontevedra e dentro do proxecto TurisTIC que xestiona o servizo SmartPeme, entregáronse os Premios ao Talento Turístico Provincial, que distinguen a empresas da provincia destacadas en cinco campos: innovación, gastronomía, experiencia, sustentabilidade e TIC.

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

Persoas empresarias de servizos e actividades turísticas, hostaleiros, firmas tecnolóxicas especializadas no sector, bloggers e influencers, representantes de asociacións e institucións asistiron á xornada xunto coa presidenta da institución provincial e os deputados Santos Héctor Rodríguez (Turismo) e Javier Dios (Innovación). “A Deputación ten claro que dedicar recursos ás TIC non é un gasto senón un investimento. Queremos un proxecto innovador e global do sector turístico da provincia de Pontevedra", resaltou Carmela Silva, quen aposta por dar o salto desde as “iniciativas conxunturais ao proxecto global para que o turismo deste destino sexa unha referencia”.

Ademais, tras o xantar e ao termo do acto houbo visitas guiadas ao castelo de Soutomaior e proxectáronse tres pezas audiovisuais: Galaicos: un pobo ente dous mundos, unha exposición que se estrea no Museo Nacional Arqueolóxico de Madrid o día 31; o vídeo da musealización do castelo de Soutomaior; e o videoclip Cómplices: Un lugar en el Mundo, con algunhas das mellores postais do destino Rías Baixas.

Ao longo da xornada celebráronse tres coloquios e dúas charlas. Así foron:

“Mellora da experiencia da ou do visitante e fidelización de turistas”

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

A directora dos Paradores de Pontevedra e Cambados, Meritxell Marcos Peiró, en compañía de representantes de empresas como Partee, Pumpún Dixital e Xoia Software Development foron os encargados de abrir o pano dos simposios. A temática desta conversación foi a de como as novas tecnoloxías contribúen a mellorar a experiencia das e os visitantes para lograr a súa fidelización.

O primeiro en expoñer foi o CEO de Partee, Víctor Longo. "Hai que perderlle o medo ás TIC. Automatizar procesos como o check-in nos aloxamentos mellora a experiencia das e os viaxeiros", explicou ao público. Esta é unha das utilidades da startup, un servizo para aloxamentos turísticos de todo tipo, que facilita o rexistro, tanto a persoas turistas como a xestores e propietarios, para mellorar a experiencia dos seus hóspedes e asegurar o cumprimento de diversos aspectos legais.

Chiu Longina , CEO de Pumpún Dixital, expuxo que coñecer á usuaria ou usuario, como fan as grandes empresas que poñen a disposición algúns medios que permiten pescudar algúns aspectos dos seus perfís, é fundamental para mellorar a súa experiencia. Ademais puxo sobre a mesa o proxecto Calixtina, un servizo de guías multimedia que emiten locucións cando as ou os usuarios aproxímanse a un determinado recurso turístico cos seus propios móbiles.

Finalmente neste apartado interveu o CEO de Xoia Software Development, Xoel Vázquez, que ademais de analizar as diferenzas entre realidade aumentada e virtual, falou das oportunidades da comunidade galega ante o uso das novas tecnoloxías no sector: "En Galicia temos recursos e talento para chegar coas TIC a calquera parte do mundo". Ademais Xoel Vázquez achegounos ao proxecto Time Trip Experience, unha iniciativa que permite vivir unha experiencia de realidade aumentada en xacementos arqueolóxicos, zonas monumentais de cidades e outros elementos turísticos.

“A innovación como motor do cambio no sector turístico”

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

O fundador e CEO de minube, Raúl Jiménez Algobia, explicou a historia da compañía desde as súas orixes, e achegou unha pormenorizada análise, na súa charla sobre a innovación.

O relator comezou falando das súas vivencias para chegar ao nacemento de minube, empresa fundada en 2007 e que recibe 67 millóns de visitas ao ano, que xurdiu como a idea de “capitalizar unha viaxe”. Jiménez explicou que entre a opción de copiar grandes referentes no marcado ou de optar pola innovación, decantouse pola segunda. "Escollemos a innovación pero quero lembrar que é un proceso lento, no que tivemos que correr moito no mercado local. Esta decisión non foi sinxela pero decidimos seguir nosas propias motivacións", contou ao público.

O relator advertiu de que as empresas deben prestar atención aos cambios e que “a secuencia de éxito para que sexa satisfactoria debe ir de persoas usuarias a clientes, e finalmente, a investidores", posto que as e os turistas non buscan publicidade, decántanse polos contidos, e hai que mellorar e personalizar a súa experiencia.

O fundador de minube destacou tamén as potencialidades turísticas de Galicia. “Tedes un enorme potencial para vender o destino doutra forma que non sexa mediante prezos baixos. As fotografías e os vídeos poden contar historias que se convertan nun verdadeiro reclamo turístico”, propuxo.

Ademais, durante a súa conferencia abordou outras cuestións como a de probar diferentes modelos de negocio para atopar o ou os apropiados, como é o caso de minube, ou a de afrontar con firmeza as dificultades que poden aparecer ante a creación dun novo negocio.

Finalmente, Raúl Jiménez analizou algúns dos problemas aos que se adoitan enfrontar as persoas emprendedoras do sector, como a imposibilidade de crear contido sobre os máis de 50.000 destinos que ofrece todo o mundo, e a necesidade de coñecer á clientela para mellorar a súa experiencia e así lograr a súa fidelización.

“Impacto das TIC no sector turístico”

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

A presidenta de Empresarias de Galicia, Susana Pérez Iglesias, tomou o mando nesta conversación sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector do turismo na que participaron representantes de institucións como o Cluster TIC de Galicia e de axencias como Tee Travel ou Volta Montana. As relatoras, e o relator, coincidiron na necesidade da colaboración entre os diferentes axentes turísticos, ademais da importancia de coñecer á persoa viaxeira e facer que senta un vínculo especial co propio destino.

"Ás e os viaxeiros gústalles sentirse ligados a un lugar despois da súa estancia. Coidemos iso para que se convertan en prescritores e démoslles ferramentas para compartir a súa experiencia", proclamou Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Cluster TIC Galicia, ao que Mariña Belo, responsable de Márketing & RR PP de Tee Travel engadiu que unha forma de logralo é a de personalizar as experiencias e adaptalas aos gustos de cada cliente.

Cristina Collazo , CEO da axencia Volta Montana, resaltou a necesidade de crear contidos para captar á usuaria ou usuario, e afirmou que a mellor forma para logralo é a seguinte: "A arte de contar historias a través de vídeo e fotografía vai emocionar máis á usuaria/o e beneficiar ao produto final. Centrémonos nas necesidades do cliente e menos nas nosas". Ademais fixo fincapé en que as novas tecnoloxías, precisamente, son a causa directa de que pequenas empresas como a súa poidan situarse no mercado.

“Evolución da comunicación turística”

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

O moderador desta charla foi o coñecido blogger de Alvientooo, Alberto Ribas, posteriormente gañador dun dos Premios ao Talento. A conversación virou sobre o proceso evolutivo da comunicación no turismo, e de como se produciu a transición neste ámbito cara ao mundo dixital cos blogues como vehículo do cambio.

Ribas indicou que "o mundo dos bloggers e influencers é moi amplo e hai de todo, pero antes de cuestionar a alguén hai que pararse a ver que ofrece e achega". Ademais incidiu na idea de crearcomunidade entre os distintos axentes turísticos: “O destino perde cando os interesados en promoción non se poñen de acordo".

O debate sobre en que medios publicitarse centrou parte do coloquio. Papel ou dixital? Os relatores coincidiron en que ambos os soportes son complementarios e consideran acertado combinalos á hora de confeccionar un plan de promoción. Ademais expúxose a conveniencia de apostar pola publicidade directa ou os contidos. A este respecto nunha charla posterior Carlos Romeu Dexeus, director de Investigación da sociedade estatal turística Segittur lembrou unha máxima de plena vixencia na era dixital: “o contido é o rei”. En todo caso, a mesa de bloggers manifestou que a elección debe adaptarse ás necesidades e circunstancias.

Leticia Pérez , de Trucos Viajeros, e presidenta da Asociación GaliciaTB, falou do aspecto máis humano dos blogues, de como axudan a crear unha conexión personalizada entre empresa eturista. Ao que Carmen Delia, CEO de Escapalandia, engadiu a necesidade de coñecer as oportunidades das redes sociais, de manter un perfil activo e da importancia de transmitir boas historias a través delas.

Precisamente de oportunidades falou Alberto Traversa, coeditor da La Alacena Roja, sobre que a maioría de relatos turísticos en Galicia céntranse na gastronomía e de que a comunidade galega vai moito máis alá diso, que ten moitas cousas que merecen ser contadas. A continuación falou do caso do castelo de Soutomaior: “Estaba esquecido e hoxe é unha marca da Provincia de Pontevedra. Hai que entender o turismo como un proxecto e buscar oportunidades".

“Oportunidades do novo turismo do século XXI”

O relator Carlos Romeu Dexeus, director de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Turística de Segittur, foi o encargado de abordar varias cuestións sobre as oportunidades que ofrecen as Novas Tecnoloxías no sector do turismo na actualidade. Destacou a gran necesidade de adaptación ás TIC xa que non só inflúen neste ámbito, senón que tamén o fan no noso día a día, ademais de cambiar a nosa forma de vivir e de pensar.

Romeu dixo ademais que “é fundamental saber a que xogamos, onde poñer o foco, para situarnos no mercado turístico" e que a mellor forma de facelo é mediante as historias, contando boas historias e alimentalas continuamente para estreitar lazos coas e os prescritores.

Premios ao Talento Turístico da Provincia de Pontevedra

I Jornada TurisTIC en el Castillo de Soutomaior

Como colofón a unha xornada protagonizada polo turismo e as novas tecnoloxías entregáronse por primeiro ano os Premios ao Talento Turístico da Provincia de Pontevedra, co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido a favor do sector polos distintos axentes turísticos deste destino, un recoñecemento que conta con cinco modalidades distintas.

O Hotel Bosque Mar obtivo o galardón ao Talento Turístico Sustentable, Piraguilla fíxose co da categoría do Talento Turístico Innovador, o Eco Hotel Nós co do Talento Turístico Gastronómico, Al Vientooo co do Talento Turístico Experiencial e finalmente o de Talento Turístico TIC, que caeu en mans de Partee.

Visitas guiadas ao castelo de Soutomaior

A marabillosa contorna no que se celebrou esta I Xornada TurisTIC de Pontevedra, o castelo de Soutomaior sen dúbida non deixa a ninguén indiferente. Os seus marabillosos xardíns, os primeiros de España en obter o recoñecemento de Xardín de Excelencia Internacional, e os seus muros, que convidan a curiosas e curiosos a penetrarse e descubrir a historia da fortaleza foron a combinación perfecta que fixo gozar ás e os asistentes neste encontro no que tamén houbo tempo para realizar visitas guiadas.

Carmela Silva agradeceu a participación de todas e todos os invitados e destacou o talento e iniciativa das e os empresarios turísticos da provincia. “Vivimos nun paraíso. Hai que saber contalo”, apostilou.

Etiquetas: portada