Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - O castelo de Soutomaior rende tributo aos viños das Rías Baixas no Día Europeo do Enoturismo

O castelo de Soutomaior rende tributo aos viños das Rías Baixas no Día Europeo do Enoturismo

Un centenar de persoas participaron na cata a cegas organizada pola Deputación de Pontevedra e a Ruta do Viño, que incluíu unha visita á espléndida fortaleza

Día Europeo del Enoturismo en el Castillo de Soutomaior

O recinto do castelo de Soutomaior converteuse onte nun dos puntos centrais de celebración do Día Europeo do Enoturismo na provincia de Pontevedra. A Deputación, da man da Ruta do Viño Rías Baixas, celebrou alí un concurso de cata a cegas no que participou un centenar de persoas e no que se serviron ata 45 viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A xornada tiña como obxectivo a posta en valor e o enxalzamento dos produtos vitivinícolas da provincia, considerados como potentes recursos para atraer, desestacionalizar e internacionalizar o turismo. A cata comezou coas explicacións do sumiller José Luis Aragunde, que foi explicando ás persoas asistentes a dinámica da xornada. En cada unha das mesas había cinco viños diferentes que, na primeira parte do concurso, se podían probar e facer anotacións sobre os mesmos.

Porén, na segunda parte as e os participantes tiñan que adiviñar, cos ollos pechados ou tapados, que viños eran os que estaban probando. Finalmente, aquelas persoas que acertaron recibiron un diploma acreditativo e, entre todas elas, sorteouse un enopack que consiste nunha visita guiada a unha adega con degustación e almorzo incluídos.

Día Europeo del Enoturismo en el Castillo de Soutomaior

A presidenta de Deputación, Carmela Silva, xunto co presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil, e o deputado de Turismo, Santos Héctor, participou no acto e puxo en valor que a iniciativa “enxalza os nosos brancos que levan a Pontevedra Provincia por todo o mundo, identifícanos e énchenos de orgullo”. “Falamos, –dixo a presidenta provincial–, dun sector con unha enorme capacidade de atracción de visitantes, dun turismo sostible e de calidade que temos que coidar porque ten unhas enormes potencialidades”.

Pola súa banda, Juan Gil, presidente da Ruta, agradeceu á Deputación a súa colaboración “para facer posible esta iniciativa e ademais nunha paraxe como o castelo de Soutomaior”, e fixo fincapé na grande colleita anual de Rías Baixas, en cantidade e calidade, por segundo ano consecutivo.

Ademais da cata a cegas, as persoas asistentes puideron visitar o castelo de Soutomaior e degustar produtos de temporada acompañados cos viños das Rías Baixas nun ambiente amenizado pola música dun DJ. E aínda que en cada unha das mesas só había dispostos cinco viños, ao final da cata as persoas participantes puideron probar os viños presentes, que foron entre 40 e 45 tipos diferentes.