Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - O destino Rías Baixas comeza 2019 con bo pé

O destino Rías Baixas comeza 2019 con bo pé

Rutas ornitolóxicas, datos de ocupación positivos, miles de visitas para o castelo de Soutomaior e éxito da exposición de Galaicos

Rueda de prensa Carmela Silva

O destino Rías Baixas camiña con paso firme cara á desestacionalización, un dos grandes obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 da Deputación de Pontevedra. Hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva presentou unha nova edición das rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas”, unha das actividades que busca a desestacionalización deste destino.

Os datos avalan o cambio de tendencia. Se na ponte de decembro do ano pasado xa se rexistrara un aumento do 6 % na ocupación hoteleira, este ano pulverizouse esa marca con 14 puntos máis, o que situou a media no conxunto da provincia no 64 %. Ademais, o mes de decembro foi totalmente positivo para este destino, cunha cifra de ocupación hoteleira que superou o 80 % en Vigo, debido ao éxito da iluminación do Nadal.

Rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas”

A presidenta provincial Carmela Silva presentou esta mañá a segunda edición de “Voando nas Rías Baixas”, un programa de rutas ornitolóxicas de carácter gratuíto que se desenvolve en espazos protexidos da provincia de Pontevedra, e que este ano inclúe cinco itinerarios. “Con esta acción preténdese promover a ornitoloxía nas Rías Baixas, xa que somos un lugar moi especial no mundo” segundo palabras da presidenta, que tamén quixo agradecer o marabilloso labor do grupo SEO BirdLife na provincia.

A presidenta provincial destacou ademais que a ornitoloxía é unha das potencialidades que “encamiñan á provincia de Pontevedra a converterse nun destino máis desestacionalizado e diverso” ademais de facer fincapé na sensibilización da preservación e o coidado destes espazos protexidos de grande importancia. Esta actividade esperta un grande interese entre o mundo anglosaxón e o centro de Europa.

Pola súa banda Gustavo Ferreiro, representante de SEO BirdLife que acompañou a Carmela Silva na presentación da actividade, falou da importancia da preservación destes espazos protexidos e deste programa como unha forma de dar a coñecer estas reservas naturais polo seu potencial ornitolóxico, e non soamente por outros atractivos turísticos polos que xa son recoñecidos, como as praias do Grove.

A selección destes lugares débese non só á súa importancia a nivel internacional, senón tamén a que representan a gran variedade de ecosistemas da provincia de Pontevedra. "Gozaremos descubrindo as nosas paisaxes, todas e todos nos debémonos implicar na súa conservación, porque senón non conseguiremos nada” dixo o representante de SEO BirdLife.

Voando nas Rías Baixas
Voando nas Rías Baixas

A primeira das rutas será no Estuario do Río Miño e A Foz da Ramallosa, o 20 de xaneiro; a segunda na Enseada de San Simón, o 10 de febreiro; a seguinte será o 3 de marzo no Complexo Intermareal Umia- O Grove; a cuarta ruta nas Brañas de Xestoso, o 19 de maio; e finalmente a última, terá lugar na Serra do Suído o 16 de xuño.

Para participar nas rutas ornitolóxicas será necesario cubrir un formulario, que estará dispoñible de 13 a 5 días antes da actividade. Durante o seu desenvolvemento, as persoas participantes recibirán indicacións de expertas e expertos ornitolóxicos, o material necesario e unha guía ornitolóxica didáctica. Tamén haberá servizo gratuíto de autobuses para aquelas persoas que así o desexen.

Destino Rías Baixas

Castelo de Soutomaior

A ocupación hoteleira do pasado mes de decembro na provincia de Pontevedra foi dun 39 % con respecto ao 29 % do ano anterior. A comarca de Vigo obtivo unha cifra de ocupación dun 68 %, que supón un total de 25 puntos máis con respecto ao 2017. O tirón da iluminación do Nadal da cidade olívica ademais, superou en decembro o 80 % na urbe. O turismo rural aumentou ata o 15 % (51 % en Fin de Ano) e as vivendas turísticas un 60 %, co 100 % de ocupación en Vigo e Pontevedra.

O castelo de Soutomaior consolídase como un dos principais atractivos da provincia de Pontevedra, con máis de 30.000 visitas e un aumento do 15 % nos últimos oito meses, desde que se produciu a musealización desta fortaleza de Rías Baixas. Estes foron algunhas das cifras do sector que a presidenta provincial ofreceu esta mañá en rolda de prensa.

Galaicos: Un pobo entre dous mundos

Tras o éxito da exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”, que exhibe o Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid, a mostra estará un mes máis neste espazo, concretamente ata o 3 de marzo. “Estamos preto das 10.000 visitas rexistradas á exposición dos nosos xacementos e ampliamos a estancia no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid un mes, ata o 3 de marzo, a petición do seu director” anunciou a presidenta Carmela Silva esta mañá.

A exposición, promovida polo organismo provincial a través de Turismo Rías Baixas, aproxímanos a un período da provincia de Pontevedra, comprendido entre o crepúsculo da Idade do Bronce (1500-800 a. n. e.) e o século VI. Máis de 65 pezas compoñen esta mostra itinerante, que tras a súa estancia no Museo Arqueolóxico Nacional, pasará por Valencia e pechará o ciclo no Museo de Pontevedra, xusto a tempo para conmemorar o 125.º aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, xerme deste.