Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - A Deputación organiza rutas para gozar do espectáculo das maceiras en flor

A Deputación organiza rutas para gozar do espectáculo das maceiras en flor

O luns ás 9 horas ábrense as inscricións para os tres itinerarios, que se realizarán os días 27 de abril e 4 de maio

Cartel maceiras en flor

A Deputación de Pontevedra renova unha das iniciativas máis exitosas da pasada primavera e abre este luns as inscricións para participar na segunda edición das Rutas Maceiras en Flor. O obxectivo desta iniciativa é contribuír a desestacionalizar a demanda turística en Rías Baixas e promover as visitas ao interior da provincia. A presidenta, Carmela Silva, convida a todas as persoas interesadas a participar nesta “experiencia para os sentidos” coa que poderán coñecer a fondo a comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

Están programados tres itinerarios que terán lugar os días 27 de abril e 4 de maio, coincidindo coa floración das maceiras das que se obtén a materia prima para elaborar a famosa sidra das Rías Baixas. A reserva de prazas poderá realizarse a partir do luns día 15 ás 9 da mañá, no enderezo electrónico visitasguiadas@depo.es. As inscricións realizaranse segundo estrita orde de chegada contabilizando soamente as solicitudes que inclúan todos os datos de forma correcta e limítase a catro as entradas por persoa.

Tres opcións

Son un total de tres itinerarios con 25 prazas cada un para gozar da floración das maceiras, coñecer as variedades autóctonas da provincia de Pontevedra e o proceso de elaboración da sidra. A primeira xornada realizaranse dúas deles. O primeiro parte ás 9 da mañá da Sidraría Ribela e inclúe a visita ás plantacións de Callobre e Sobreira máis Torres de Moreda. O segundo percorrido é pola tarde, arrinca na plantación de Callobre e diríxese logo a Torres de Moreda e a Sidraría A Peroja.

O día 4 de maio está programado o terceiro e último itinerario en horario de mañá con saída da plantación de Callobre e Sobreira máis visita a Torres de Moreda e a Sidraría Camino. No momento da inscrición hai que indicar que día se quere visitar Tabeirós-Terra de Montes e en que ruta se está interesado.

Carmela Silva animou os participantes a realizar a viaxe aproveitando os autobuses mobilizados pola Deputación por motivos de sustentabilidade, aínda que tamén existe a posibilidade de que as persoas previamente inscritas se trasladen logo en vehículo particular e se sumen á visita guiada sobre o terreo, sempre que o indicaran previamente na solicitude enviada a visitasguiadas@depo.es