Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - O MARCO de Vigo acolle unha exposición con pezas icónicas da arte do século XX

O MARCO de Vigo acolle unha exposición con pezas icónicas da arte do século XX

A mostra “Destacados” inclúe obras de Picasso, Magritte, Delvax, Chillida, Tàpies e de referentes galegos como Laxeiro, Colmeiro, Seoane ou Castelao

Marco

O Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo abre as súas portas a unha notable selección de pintura, escultura e obra en papel dalgúns dos grandes artistas universais do século XX. A Fundación Telefónica e o Concello de Vigo colaboran para poñer a disposición do público pezas icónicas de autores maxistrais como Pablo Picasso, Juan Gris, René Magritte, Paul Delvaux ou Louis Marcoussis.

Esta selección de obras, moitas das cales se poden ver por primeira vez na provincia de Pontevedra, introduce as e os visitantes nos movementos máis importantes das vangardas de principios do século XX. Aos grandes nomes internacionais citados súmanse pezas de tres renovadores da arte española: Tàpies, Chillida e Saura.

A estancia da Colección Telefónica en Vigo complétase con pezas de creadores galegos renovadores pertencentes ás coleccións municipais procedentes da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a Fundación Laxeiro e o Museo Municipal Quiñones de León.

“Destacados” é, polo tanto, unha oportunidade única de achegarse ás vangardas artísticas desde unha dobre perspectiva, local e internacional. Obras de Isaac Díaz Pardo ou da primeira etapa de Colmeiro enriquecen o discurso dunha exposición aberta ao público desde o pasado 16 de maio e que permanecerá na cidade catro meses, coa intención de divulgar o universo creativo de artistas de mundos moi persoais coma Urbano Lugrís, Mario Granell, Tino Grandío ou Gloria Chairo.