Fiestas en Rías Baixas

Castros

O antigo fogar
dos galaicos

As casas circulares dos castros das Rías Baixas enmárcanse en paisaxes de lenda. Santa Trega, O Facho, Castrolandín, A Lanzada... O antigo pobo galaico deixou a súa pegada en lugares estratéxicos da costa e do interior. Visitar estes poboados trasladaravos a outro tempo.

A pedra aférrase á paisaxe desde fai miles de anos en paraxes de extraordinaria beleza para converterse en testemuña da historia da provincia de Pontevedra. Os castros, poboados autóctonos construídos na Idade do Ferro, perduraron habitados varios séculos ata o seu ocaso tras a ocupación romana. Co tempo caeron no esquecemento e remataron ocultos baixo terra, pero agora emerxen de novo tras exhaustivas escavacións para recuperar estes tesouros.

Santa Trega (A Guarda)

Situado nun impresionante enclave no alto dun monte na vila mariñeira da Guarda, na confluencia do esteiro do río Miño e o Atlántico, atópase o impresionante castro de Santa Trega, cuxo período de ocupación comprende desde o século IV a. n. e. ata o século I.

O lugar tiña unha forte compoñente estratéxica e simbólica , pois nas súas ladeiras existe un bo número de gravados rupestres da Idade do Bronce. Tras sucesivas escavacións sábese que a súa extensión supera as 20 hectáreas, aínda que actualmente só son visibles catro sectores: o barrio norte ou Calvo, o central ou Mergelina, a porta sur e varias cabanas na cima.

As primeiras referencias escritas sobre este xacemento aparecen na segunda metade do século XIX e nelas recóllense toda unha serie de achados casuais de pezas arqueolóxicas dispersas por todo o monte, desde a cima ata á beira do río Miño. Destaca unha figura de bronce achada en 1860 que representa a Hércules.

A Lanzada (Sanxenxo)

O xacemento arqueolóxico da Lanzada, en Sanxenxo, situado xunto ao mar nun lugar de extraordinaria beleza, tivo un período de ocupación moi extenso durante o que se lle deron diversos usos. As fases máis significativas son as do poboado galaico (s. V-II a. n. e.), a factoría de salgaduras (s. III-II a. n. e.), a ocupación romana e necrópole (s. I-III), a pequena igrexa e necrópole (s. IV-V) e a fortaleza medieval (s. XI-XV).

Coma outros asentamentos antigos do Bronce Final na costa, o da Lanzada segue habitado na Idade do Ferro, pero cunha peculiaridade: non existen evidencias de fortificación, o que lle confire unha singularidade única no noroeste peninsular. A súa extensión é considerable e representaba un emporia comercial de longa duración que continuou crecendo co paso dos séculos e a introdución do noroeste peninsular nos circuítos comerciais do mundo antigo.

O elemento máis coñecido dos documentados é a extensa necrópole, excepcional polo bo estado de conservación dos ósos. Na Idade Media a ocupación do espazo desprázase cara á punta do cabo, onde no século XI se construirá unha fortaleza para defender a costa das incursións sarracenas e normandas.

O Facho (Cangas)

Do mesmo xeito que o castro de Santa Trega, o período de ocupación do Facho foi moi extenso, pois a súa vida abarca desde o século VIII a. n. e. ata o IV ou V. Este xacemento coroa a cima do monte do mesmo nome en Cangas, un emprazamento con espléndidas vistas ás illas Cíes e á Costa da Vela.

O do Facho é un xacemento único, coñecido internacionalmente por albergar un santuario de época romana no que se documentaron máis dun centenar de aras. Nel aglutínanse estruturas de diversos períodos históricos e as súas particularidades son tales que fixeron que se valorase a posibilidade de que o universo relixioso reflectido nas aras de época romana puidese recrear cultos de épocas precedentes.

Así, é posible que o xacemento da Idade do Ferro se corresponda cun santuario no que se desenvolvían actividades de carácter ritual.

A Cabeciña (Oia)

Este xacemento do municipio de Oia sitúase tamén nun contorno paisaxístico privilexiado e axúdanos a comprender a transición entre o Bronce Final e a Idade do Ferro. A súa etapa de ocupación abrangue o período entre os séculos X e VIII a. n. e.

Aquí levantouse un recinto fortificado cunha gran muralla. No espazo extramuros sitúase unha estación de arte rupestre na que destacan os gravados de combinacións circulares incompletas engarzadas unhas coas outras.

Estes motivos decorativos, excepcionais en Galicia, son idénticos aos documentados na fase final do megalitismo en lugares coma o dolmen de Gavrinis, na Bretaña francesa. A Cabeciña intégrase nunha rede de castros fundamental para intercambiar ideas e obxectos a comezos do primeiro milenio a. n. e.

Alobre (Vilagarcía de Arousa)

Este castro atópase nas inmediacións do porto de Vilagarcía de Arousa, nun emprazamento de importantes dimensións que daquela estaba bañado polo mar. Visitando o castro Alobre podemos comprender como a proximidade ao mar condicionaba a economía das e dos seus habitantes, xa que a pesca era unha parte importantísima desta. Trátase dun excelente exemplo para entender como funcionaban a maior parte dos castros costeiros da provincia de Pontevedra.

Este asentamento foi estudado no século XIX por numerosos expertos, que datan a súa ocupación entre o século I a n. e. e o século III d. n. e. Os materiais documentados durante as campañas de escavación evidencian fortes lazos co mundo mediterráneo, en especial co sur da península ibérica, da península itálica e das illas Baleares, o que o converte nun xacemento de excepcional interese patrimonial e científico.

Os restos metálicos son especialmente relevantes, sobre todo os de bronce, e suman máis de 400 exemplares.

Castrolandín (Cuntis)

O poboado fortificado de Castrolandín, moi próximo ao centro da localidade termal de Cuntis, que data de finais da Idade do Ferro, estivo habitado entre o século IV a. n. e. e o século I. As escavacións realizadas en 2004 documentaron a existencia de dezaoito estruturas de diversa cronoloxía, funcionalidade e número de plantas, das que poden visitarse dez.

O poboado contaba cunha entrada graduada e monumental defendida por dous torreóns. No interior da croa ou acrópole distribuíanse diferentes estruturas, configurando unidades familiares con pequenos patios, escaleiras, almacéns e casas. En época romana o xacemento abandónase case na súa totalidade, manténdose só unha vivenda en pé.

Monte de O Castro (Ribadumia)

Na comarca do Salnés, inmerso na natureza, aparece o monte do Castro, en Ribadumia. O período de ocupación deste poboado fortificado sitúase entre o século VI a. n. e. e o século I. Os tres sectores abertos nas campañas desde 2011 permitiron atopar restos construtivos castrexos coa peculiaridade de que eran totalmente diferentes.

No sector norte documentouse unha área habitacional composta por varias cabanas circulares e ovaladas; o central pode considerarse a zona artesanal, con vestixios de catro estruturas, unha delas relacionada co traballo metalúrxico; e no sector sur identificouse unha edificación de planta rectangular interpretada como zona de almacenaxe pola aparición de ánforas romanas. Nas catro campañas de escavación levadas a cabo interveuse unha área de 4.800 metros cadrados e documentáronse 2.039 unidades estratigráficas e máis de 100.000 pezas arqueolóxicas. O material máis abundante é a cerámica.

Monte do Castro

Adro Vello (O Grove)

Contiguo á praia do Carreiro, no Grove, está situado este importante xacemento arqueolóxico que goza dunha vista privilexiada á ría de Arousa. Os datos obtidos durante as intervencións falan da presenza dunha factoría de salgadura posiblemente relacionada cunha vila romana ou anterior a ela. Sobre os restos do asentamento romano erixiuse un edificio eclesiástico e unha necrópole de inhumación. Finalmente instalouse unha torre e monumentalizáronse as estruturas, quizais en relación á vixilancia da ría de Arousa pola ameaza viquinga.

Penalba (Campo Lameiro)

O interior da provincia de Pontevedra resgarda un auténtico tesouro arqueolóxico en Campo Lameiro. Alí atópase o castro de Penalba, nunha área cunha gran concentración de gravados de arte rupestre, foi en orixe un asentamento estable do Bronce Final cunha economía agrícola e recolectora. Na cima consérvase a Pedra da Serpe, un petróglifo asociado a rituais de fecundidade. Nunha segunda fase levantouse o sistema defensivo do poboado.

Castro de Troña (Ponteareas)

O castro de Troña é un poboado situado no municipio de Ponteareas. Coma moitos dos castros de Galicia, tivo o seu esplendor entre o séculos I a. n. e. e o II. Muralla, foso e parapetos conforman o sistema defensivo deste poboado. O xacemento alberga trinta construcións de variada tipoloxía: pódense observar construcións de planta circular, elíptica, cadrada e rectangular. No recinto destaca un importante petróglifo en posición heráldica coñecido como A Serpe de Troña, un gravado na cara vertical da roca.

Castro de A Subidá (Marín)

Tamén coñecido como castro da Porteliña, o da Subidá é un asentamento romanizado que se sitúa temporalmente entre os séculos I e UV d. n. e., de máis de tres hectáreas de superficie delimitadas por unha dobre muralla. Atópase entre as parroquias de San Xurxo de Mogor e San Xián. Por este xacemento discorre a ruta de sendeirismo do Coto das Penizas, que parte do lavadoiro do río Lameira e ascende un quilómetro cara ao poboado.

Nos anos ointenta realizáronse escavacións nesta ladeira e descubríronse varias casas circulares. En 2011 traballouse de novo sobre o terreo para restaurar varias estruturas de habitación.

Moitos son os materiais documentados no castro da Subidá, pero destacan especialmente os relacionados coa metalurxia. Colgantes, crisois e demais materiais permítennos achegarnos a unha das actividades máis importantes da Idade de Ferro, non só no noroeste, senón en toda a península ibérica. O Museo de Pontevedra custodia gran parte dos obxectos de bronce localizados.

Castro de Toiriz (Silleda)

O castro de Toiriz , situado en Silleda, converteuse nun referente cultural e turístico dentro do patrimonio da provincia tras ser musealizado pola Deputación de Pontevedra. É un dos máis de 20 asentamentos da época castrexa dos que se ten constancia neste municipio da comarca de Deza.

Da Idade de Ferro, está formado por dous recintos amurallados: un case circular situado na parte superior do outeiro, na croa (Eira dos Mouros), e outro que se atopa a unha cota inferior pegado ao anterior polas partes sur e leste. Cara á parte exterior deste último recinto aparece en paralelo un sistema defensivo composto de foso e parapeto.

Desde 2004 realízanse actuacións para a súa restauración e posta en valor e en 2006 créase o Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz, que traballa na súa recuperación. A partir dos restos de cerámica que se atoparon, os arqueólogos calculan que a aldea fortificada puido ser levantada cara ao século IV a. n. e. Ademais, non só ten un gran valor patrimonial, senón que tamén existen numerosas lendas populares sobre este lugar