O “boom” dos Camiños de Santiago en Rías Baixas
Os Camiños de Santiago que cruzan a provincia de Pontevedra viven unha época dourada e convertéronse nun dos grandes reclamos do Destino Rías Baixas. A Mesa do Turismo, que agrupa á Deputación, a Xunta, os concellos e a Asociación de Amigos do Camiño, constatou hoxe na súa reunión que tivo no Pazo provincial o aumento de peregrinos e peregrinas durante o primeiro semestre en todas as rutas xacobeas, o que augura unha excelente tempada de verán.
O Camiño Portugués tradicional, xa o segundo itinerario máis transitado de todos os que conducen a Santiago de Compostela, rexistrou un incremento do 15 %, mentres que a variante da Costa practicamente dobra o número de peregrinos e peregrinas do mesmo período de 2017. Pola súa banda, o tránsito pola Vía da Prata entre xaneiro e xuño creceu un 3 %, e o do Camiño de Inverno un 2 %.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, os e as rexedoras e a Asociación de Amigos do Camiño consideran moi positivas as reunións da Mesa de Turismo para poñer en común as melloras e necesidades nas rutas xacobeas a curto e medio prazo, coa vista posta no Xacobeo 2021. O obxectivo é que para entón os camiños dispoñan de todos os servizos, equipamentos, acondicionamento de percorridos e sinalización homoxeneizada.
A Mesa traballa co obxectivo de que todas as rutas estean ben sinalizadas e acondicionadas no próximo Ano Xacobeo
“O resultado é moi bo. A Mesa permítenos traballar xuntas e xuntos, coordinarnos e mellorar”, explicou Carmela Silva, quen deu conta das actuacións da Deputación na promoción, mantemento e posta a piques das rutas da provincia de Pontevedra.
Así, indicou que están en marcha os proxectos para o acondicionamento de espazos en diferentes tramos polos que pasan os camiños, como Baiona, Barro, Caldas de Reis, Valga e Oia. De igual modo, a institución provincial mellorará a sinalización de distintos percorridos. Ademais, a responsable provincial anunciou que pedirá unha reunión ao novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, “para traballar para a mellora das infraestruturas do Camiño dependentes do Goberno español”.
A campaña “Somos historias” fará escala en Lisboa para promocionar o camiño e outros atractivos do destino Rías Baixas
A Deputación e Turismo Rías Baixas inclúen os Camiños de Santiago na promoción da campaña “Somos historias”, que xa pasou por Madrid, O Porto, Córdoba e Braga, e que en outubro fará escala en Lisboa. Alí, ademais de presentar outros atractivos do destino, farase especial incidencia na ruta portuguesa. A institución provincial traballa tamén da man con Turismo Porto Norte para crear sinerxías e paquetes turísticos comúns ligados ao Camiño Portugués.
A Xunta, pola súa banda, informou na reunión de que expón unhas directrices que unifiquen criterios para que todas as administracións utilicen a mesma señalética nos camiños de Santiago. En canto ao calendario para completar a sinalización, xa está publicada a adxudicación no Camiño Portugués e da Costa, en 2019 será a quenda da Vía da Prata, e en 2020 do Camiño de Inverno.
A Mesa do Camiño está conformada pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e os concellos de Barro, Soutomaior, Nigrán, Caldas de Reis, Portas, Pontecesures, Baiona, A Guarda, Vilaboa e Tui; así como pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Na reunión de hoxe estiveron presentes os alcaldes de Barro, Xosé Manuel Abraldes; Soutomaior, Agustín Reguera; e Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, ademais de concelleiros e concelleiras doutros concellos; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores; e Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo.