Inauguración ao grande do castelo de Soutomaior
Eran as sete da tarde cando os personaxes de María Vinyals e o seu marido, o Doutor Lluria, asinaban as actas de entrega do castelo por parte da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Comezaba con esta “escenificación”, o acto de inauguración do soado castelo de Rías Baixas.
A continuación, as diferentes autoridades, deputados e deputadas, xornalistas e turistas, foron convidados a acceder ao interior do recinto. Unha vez no patio de Armas, o dúo Cómplices deu a benvida cunha peza musical en directo. Tras a actuación, mostrouse ás e os presentes un vídeo de dous minutos que resumía as diferentes intervencións que se realizaron na fortaleza.
Posteriormente, a mesma parella de actores continuou a súa actuación percorrendo a historia da fortaleza desde o século XII e onde a propia Vinyals enumerou as innovacións da musealización, “dez salas, con videomapping , proxeccións en 3D, audiovisuais interactivos, reproducións de documentos históricos, xogos e maquetas que recollen a historia do castelo desde o século XII ata a actualidade”.
O castelo de Soutomaior é o buque insignia do patrimonio fortificado e unha das maiores xoias de Pontevedra
Como peche ao acto de inauguración, o dúo Cómplices tocou a peza Un lugar no mundo composta por Teo Cardalda e que forma parte da banda sonora de campaña turística da Deputación. Un peche ao que precedera unha proxección de diferentes fortalezas no que se incluían torres e castelos da provincia de Pontevedra como os de Soutomaior, Sobroso (Mondariz), Baiona, Goián (Tomiño), A Lanzada (Sanxenxo), Tebra (Tomiño) e A Guarda. Todas elas incluídas no patrimonio fortificado de turismo e que agora se van a comezar a impulsar dunha maneira máis activa. Por unha banda, para diversificar e desestacionalizar as actividades turísticas, e por outra para aumentar a afluencia de persoas visitantes a novos recunchos de Pontevedra.
O castelo de Soutomaior é o buque insignia, unha das maiores xoias de Pontevedra e que segundo palabras da propia presidenta Carmela Silva “Queremos que sexa o corazón de todas as historias que temos que contar porque na provincia de Pontevedra “Somos historias” e practicamente todas elas cobran vida propia no castelo”.
Esgotadas as prazas para as visitas guiadas no castelo de Soutomaior
Apenas uns días despois da comunicación das xornadas abertas con visitas guiadas gratuítas para os días 21, 22, 24 e 25 de maio, as prazas para as mesmas xa están esgotadas. Con todo, o castelo de Soutomaior permanece aberto para o resto de visitas libres e volverá contar con apertura gratuíta días como o Día de Galicia (25 de xullo), Día Europeo do Patrimonio e Día das Xornadas Europeas de Patrimonio da Humanidade (8 de setembro) e o Día Internacional do Turismo (27 de setembro).