A Feira do Cocido de Lalín quenta motores para celebrar as súas vodas de ouro
Lalín ten a honra de exercer en Galicia a capitalidade do cocido, un dos pratos estrela do inverno gastronómico galego. Desde hai 50 anos, o municipio dezano convida os comensais a degustar na súa terra este suculento prato, co reclamo dunha festa que foi declarada de interese turístico nacional.
A Feira do Cocido de Lalín celebrará o seu día grande o 4 de febreiro, pero en realidade a exaltación gastronómica prolóngase varias semanas, co denominado "Mes do Cocido". Entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro, os restaurantes da localidade énchense de grupos de persoas que acoden ex profeso a degustar esta receita tradicional que rende culto á carne de porco. Ademais, os comensais son agasallados cun pin conmemorativo que este ano representa a unha porquiña chamada "Rosiña". O deseño foi elixido mediante un concurso de debuxo escolar convocado polo Concello para conmemorar o 50 aniversario da festa.
No propio día da Feira do Cocido, o 4 de febreiro, concéntranse a maioría dos festexos. A xornada iníciase coa entrega do premio á aldea singular, que recoñece as poboacións rurais mellor coidadas e conservadas. E posteriormente, ten lugar a lectura do pregón, que este ano corre a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. Ao terminar, sobre a unha da tarde, iníciase outro dos actos máis destacados da Feira, o desfile de carrozas e comparsas polas rúas do centro urbano, unha antesala á celebración do Entroido. Finalmente, para as 20:00 horas está prevista a actuación na praza da Igrexa do grupo de música tradicional Treixadura.
A Feira do Cocido tamén inclúe cada ano un gran mercado cuberto baixo carpa, no que se comercializan produtos de alimentación tipicamente galegos e artesanía. As charangas animarán a festa durante todo o día.