Xa están dispoñibles na web do castelo as novas visitas virtuais do Castelo de Soutomaior e da Ruta das Camelias
O proxecto, financiado con fondos europeos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, contou cun investimento de preto de 60.000 euros. A actuación abrangue tanto a creación dunha visita virtual ao interior e exterior do Castelo de Soutomaior como unha experiencia específica para descubrir dixitalmente a Ruta das Camelias.
Na primeira fase dos traballos levouse a cabo unha completa dixitalización do castelo, con 77 puntos de vista en 360º do interior e exterior e cinco vistas aéreas realizadas mediante dron. As imaxes foron capturadas en alta resolución, con 72 panorámicas Ultra-HD e cinco en resolución Gigapixel.
A nova ferramenta permite deste xeito realizar unha visita virtual libre polo interior e exterior do Castelo de Soutomaior, incluíndo vistas aéreas, un tour de benvida con locución e subtítulos e un completo sistema de navegación con mapa multiplanta, buscador de contidos e diferentes funcionalidades interactivas. A solución está dispoñible en galego, castelán, inglés e francés.
A experiencia incorpora tamén numerosos recursos interpretativos que permiten afondar na historia e no patrimonio do castelo, ademais de contidos audiovisuais como o videomapping dunha das salas e os vídeos De fortaleza a palacio e A linaxe de Soutomaior.
PERCORRIDO VIRTUAL POLA RUTA DA CAMELIA
Implantouse unha visita virtual á Ruta das Camelias, reforzando a divulgación dun dos grandes atractivos botánicos dos xardíns do Castelo de Soutomaior. Para esta experiencia dixitalizouse unha selección de camelias de entre as catrocentas coas que conta o castelo especificamente durante o período de floración para amosar as plantas e a súa contorna no seu máximo esplendor. Durante o percorrido, as persoas usuarias poden deter a visita, consultar os diferentes grupos de camelias e acceder directamente á flor que desexen coñecer.
A Ruta das Camelias ofrece así un percorrido guiado virtual polos xardíns no que unha locución acompaña ás persoas visitantes polos sete grupos de flores, permitindo explorar as camelias en alta definición e descubrir información e historias vinculadas aos detalles de cada exemplar. Estes novos recursos incorporáronse tamén á visita libre do castelo, ampliando as posibilidades de navegación e consulta.