Ir o contido principal
17 de Outubro de 2026

Milleiros de persoas descubren as Rías Baixas na praza de Callao

Pop-up store

A Deputación concentra milleiros de persoas nas primeiras 24 horas do espazo pop-up temporal instalado ata este domingo no número 1 da praza de Callao de Madrid para fomentar experiencias arredor da campaña «Rías Baixas: a túa meta, o teu destino». O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, xunto coa directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, acaba de visitar esta instalación pop-up que promove por primeira vez a institución provincial para ofrecer información turística sobre o destino e experiencias arredor da náutica e do surf na provincia de Pontevedra.

No posto de vela, as persoas participantes están a vivir unha experiencia náutica virtual en alta mar, navegando polas augas das Rías Baixas e contemplando as paisaxes da provincia. No caso do posto de surf, as persoas están a subir a unha táboa para que a inmersión sexa o máis semellante posible á realidade. En ambos os postos hai modalidades de competición, con premios para as persoas que obteñan as mellores puntuacións. Deste xeito, o primeiro premio de vela consistirá nunha experiencia nunha adega, con visita, cata e degustación, e o primeiro premio de surf, nunha noite de hotel con almorzo e circuíto de spa. As seguintes persoas clasificadas das dúas experiencias de realidade virtual conseguirán desde reloxos intelixentes e neveiras ata, entre outras cousas, mantas coa imaxe de Turismo Rías Baixas.

A campaña «Rías Baixas: a túa meta, o teu destino» reafirma o compromiso da Deputación cun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico, social e territorial. A campaña busca consolidar as Rías Baixas como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable que conecta territorio, persoas e experiencias. Ao longo do ano foi premiada en festivais audiovisuais turísticos celebrados no Xapón, nos Estados Unidos, en Suráfrica, en España, en Francia e en Croacia.

Volver a noticias