La Rías Baixas se promocionan en Valladolid y Asturias
A Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, levou a oferta turística da provincia ata Valladolid e Xixón mediante dous encontros profesionais (workshops) celebrados no Estadio José Zorrilla e no Centro de Arte e Creación Industrial LABoral, respectivamente. Ambas as citas contaron coa participación de 27 empresas do sector turístico pontevedrés, que tiveron a oportunidade de establecer contactos comerciais con máis de 70 empresas de Valladolid e 68 de Xixón.
A delegación institucional estivo encabezada polo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, e pola directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, quen destacaron a diversidade e calidade da oferta turística provincial e a súa capacidade para atraer visitantes durante os 365 días do ano.
Durante os encontros púxose especial énfase na campaña "Rías Baixas: a túa meta, o teu destino", recoñecida en festivais internacionais de turismo de países como Suráfrica, Francia e Croacia. Esta iniciativa sitúa o deporte como eixe central da promoción turística, combinando natureza, benestar, gastronomía e experiencias culturais para reforzar o posicionamento das Rías Baixas como destino turístico activo e desestacionalizado.
Entre as empresas participantes figuraron axencias de viaxes, establecementos hoteleiros, adegas e compañías especializadas en turismo activo, náutico e cultural, como Tee Travel, Galiwonders, Viajes InterRías, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Alda Hotels, Bodegas Terras Gauda ou Sailway. Os encontros permitiron ampliar as redes de colaboración e explorar novas oportunidades de comercialización do destino nos mercados de Castela e León e Asturias.
Ambas as xornadas, presentadas por Rocío Padín, contaron coa actuación musical de Cora Velasco e coa participación do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. A programación incluíu a proxección de vídeos promocionais, degustacións de produtos da provincia e sorteos de experiencias turísticas achegadas polas empresas participantes.