Ir o contido principal
10 de Xuño de 2026

Novas liñas de axudas para impulsar a promoción turística na provincia

Palacete interior

A Deputación de Pontevedra aprobou unha nova liña de axudas dotada con 75.000 euros para que os concellos da provincia desenvolvan accións de promoción turística. Segundo anunciou o presidente da Deputación, Luis López, esta iniciativa pretende reforzar o apoio ao turismo, considerado un dos principais motores económicos e un importante escaparate da provincia.

As subvencións estrutúranse en dúas liñas. A primeira está destinada á creación de material de promoción turística, tanto físico como dixital, que contribúa á difusión do destino Rías Baixas e á mellora da súa imaxe, sempre baixo criterios de sustentabilidade, accesibilidade e coherencia coa marca turística. A segunda liña financiará a organización de eventos de promoción turística orientados a atraer visitantes, xerar experiencias e poñer en valor os recursos turísticos de cada municipio.

Cada concello poderá recibir un máximo de 5.000 euros, independentemente de que solicite financiamento nunha ou nas dúas modalidades. A porcentaxe da axuda variará segundo determinadas características dos municipios, podendo alcanzar ata o 40 % do investimento para aqueles que conten con oficinas ou puntos adheridos á Rede INFO RÍASBAIXAS.

Con esta medida, a Deputación pretende aumentar o número de visitantes, favorecer a desestacionalización do turismo, impulsar o patrimonio e a cultura da provincia, reforzar a identidade das Rías Baixas e xerar un maior impacto económico nos municipios. Ademais, destaca a importancia tanto do material promocional como dos eventos turísticos como ferramentas estratéxicas para dar visibilidade ao destino e crear experiencias que animen a coñecer a provincia.

Para máis información prema no seguinte enlace:

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/06/10/2026047651

Volver a noticias