Ir o contido principal
16 de Setembro de 2026
Recursos cerámica castrexa

Esta iniciativa nace co obxectivo de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia de Pontevedra e achegalo á cidadanía. Articúlase arredor dunha rede de dezasete xacementos de alto valor histórico e científico, que permiten coñecer a evolución do territorio desde a Idade do Ferro ata a época romana e comprender a importancia deste legado na construción da identidade cultural de Galicia.

No marco da Estratexia Rías Baixas 61, o proceso de escoita realizado co sector turístico puxo de manifesto a necesidade de sensibilizar tanto á poboación como aos profesionais sobre o valor deste patrimonio e as súas posibilidades como recurso cultural e turístico. Neste contexto, promóvense diferentes accións de difusión e divulgación destinadas a dar a coñecer este legado e fomentar a súa conservación, valoración e aproveitamento responsable.

Como parte deste programa, a exposición itinerante percorrerá diferentes concellos da provincia de Pontevedra, propoñendo un percorrido pola historia do territorio a través da cerámica e mostrando os cambios e as continuidades que se produciron ao longo de máis de 2.000 anos.

Para cada sede realizarase unha selección de ata 75 pezas arqueolóxicas procedentes dos castros da provincia de Pontevedra, adaptada ás características de cada espazo expositivo. As pezas estarán acompañadas de cartelas con información sobre a súa procedencia, depósito actual, características formais e decorativas, posible uso e bibliografía. A mostra complétase con paneis explicativos que permiten contextualizar os contidos e comprender a evolución histórica e cultural reflectida nestes materiais.

A exposición estará acompañada en cada sede dun programa pedagóxico e divulgativo pensado para achegar a arqueoloxía a diferentes públicos dun xeito ameno e participativo.

Organizaranse obradoiros didácticos para público xeral, con dúas sesións por sede, así como obradoiros infantís dirixidos a escolares de entre 8 e 10 anos. Tamén se realizarán dúas visitas guiadas, unha delas coincidindo coa inauguración, e unha conferencia temática en cada localidade. Todas as actividades serán libres e gratuítas, aínda que os obradoiros requirirán inscrición previa.

A exposición iniciará o seu percorrido en Sanxenxo o 15 de setembro, no Centro de Interpretación de A Telleira, onde permanecerá ata o 15 de outubro. Posteriormente, a mostra continuará a súa itinerancia no Concello de Marín, no Museo Manuel Torres, para seguir achegando á cidadanía o patrimonio arqueolóxico da provincia.

A través desta proposta, a cidadanía poderá descubrir as pegadas das comunidades que habitaron a provincia ao longo dos séculos, unha oportunidade para descubrir o patrimonio arqueolóxico de Pontevedra, comprender a súa historia e valorar a riqueza cultural que conservamos.

 

Volver a noticias