A Deputación de Pontevedra impulsa unha Oficina Técnica de Gobernanza Turística
Este novo instrumento do Servizo de Turismo Rías Baixas servirá como punto de información, interlocución e apoio técnico entre a administración e os axentes turísticos da provincia, incluídas as asociacións sectoriais.
O Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra pon en marcha a Oficina Técnica de Gobernanza Turística co obxectivo de fortalecer a información, coordinación, participación e colaboración entre administración pública e sector turístico. Unha iniciativa institucional que reafirma un modelo turístico baseado na cooperación público-privada, a escoita activa, a planificación compartida e mellora continua, dotándose dunha estrutura técnica estable que facilite a relación co conxunto de axentes que forman parte do ecosistema turístico provincial, onde dous técnicos do Servizo levarán a coordinación co sector e concellos.
A nova Oficina Técnica de Gobernanza nace coa vocación de converterse nun espazo de referencia para a información, acompañamento e interlocución turística co sector e cos 61 concellos da provincia, así como unha ferramenta útil para detectar necesidades, canalizar propostas e mellorar a coordinación entre actores e contribuír ao desenrolo de iniciativas estratéxicas do destino.
Con esta actuación, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso con un modelo de turismo máis participativo, sostible, competitivo e cohesionado, no que a colaboración é clave para afrontar os vindeiros retos do turismo na provincia.
O Deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, sinala que a creación desta Oficina Técnica de Gobernanza Turística responde á necesidade de contar cunha ferramenta que facilite o diálogo, información, coordinación e traballo conxunto co sector, de xeito que as políticas turísticas poidan construírse dende a cercanía, o coñecemento compartido e a corresponsabilidade.
Esta iniciativa é un avance para acadar un modelo de xestión turística máis eficaz, participativo e orientado a resultados que a Deputación de Pontevedra persigue, co fin de fortalecer a estrutura do destino, favorecendo un desenrolo equilibrado, innovador e de calidade, xerando valor para o territorio, para o tecido empresarial e para a cidadanía, e estará en funcionamento desde o luns 9 de marzo.