Food trucks de Turismo Rías Baixas percorrerán todos os concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra activará a campaña de promoción das festas gastronómicas de interese turístico da provincia, a partir de comezos de outubro. Tres food trucks percorrerán tres rutas polo norte, o centro e o sur da provincia, ofrecendo un total de 366 degustacións ao longo de cinco meses en formato de pinchos baseados nos menús das 25 festas gastronómicas de interese turístico galego, nacional e internacional das Rías Baixas.
Esta é unha acción de promoción e posta en valor da gastronomía pontevedresa que visitará os 61 concellos da provincia con sesións ininterrompidas de 3 horas de duración ao mediodía (de 12:30 a 15:30 horas) e tarde (de 18:30 a 2130 horas), que se mobilizarán cinco días á semana e sempre os sábados, domingos e días festivos. Cada food truck recalará un día en cada concello, pero poderase aproveitar situacións excepcionais de grande afluencia para quedar ata un máximo de tres días. Nelas, a cidadanía ademais de degustar as elaboracións terá á súa disposición material informativo sobre estas festas.
Esta actuación serve como ferramenta estratéxica para dinamizar o turismo interno, acercando ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, e contribúe á desestacionalización, ofrecendo unha proposta atractiva durante a temporada Baixa, xerando novas oportunidades de visita e consumo, favorecendo a actividade económica local e a oferta turística máis aló dos momentos de afluencia habituais.