Os castelos de Soutomaior e Sobroso abren de novo
As dúas fortalezas recuperan a súa actividade tras os traballos de mellora executados pola institución provincial, cun investimento de preto de 1,9 millóns de euros para garantir a conservación do patrimonio e ofrecer unha experiencia renovada á cidadanía e ás persoas visitantes.
A Deputación de Pontevedra devolve este verán á cidadanía dous dos grandes emblemas patrimoniais e turísticos da provincia coa reapertura dos castelos de Soutomaior e Sobroso, despois da execución de importantes actuacións de conservación, modernización e mellora das súas instalacións. Con esta reapertura, a institución provincial reforza a súa estratexia de posta en valor do patrimonio histórico como motor de desenvolvemento turístico, económico e cultural do territorio.
As intervencións desenvolvidas nos dous recintos supuxeron un investimento próximo aos 1,9 millóns de euros. No Castelo de Soutomaior levouse a cabo unha renovación integral da instalación eléctrica e da iluminación monumental e paisaxística, unha actuación financiada con fondos europeos que permitirá reducir de forma significativa o consumo enerxético, mellorar a eficiencia do recinto e ofrecer unha nova experiencia de visita, especialmente durante as actividades de tarde e noite.
Pola súa banda, no Castelo de Sobroso realizáronse traballos de conservación e rehabilitación da envolvente do edificio, centrados na solución dos problemas de filtracións e humidades que afectaban ao inmoble, garantindo así a protección deste ben patrimonial e mellorando as condicións para a súa conservación a longo prazo.
A reapertura das dúas fortalezas marca o inicio dunha nova etapa para estes espazos, que volverán converterse durante os meses de verán en referentes da oferta cultural e turística da provincia. A programación incluirá visitas libres, actividades culturais e, nos próximos meses, a recuperación das visitas teatralizadas, unha iniciativa xa consolidada que achega a historia, as lendas e as personaxes dos castelos a públicos de todas as idades.