Ir o contido principal
11 de Decembro de 2025

Turismo Rías Baixas certifica as súas boas prácticas en Calidade e Sostibilidade

Palacete interior

Renovacións e novas adhesións á “Q de Calidade Turística”

Turismo Rías Baixas renovou un ano máis os certificados “Q de Calidade Turística” nun conxunto de oficinas e puntos de información turística que conforman a rede provincial INFO Rías Baixas. Mantéñen a súa certificación:

  • Oficina de Turismo Rías Baixas (sede central)
  • Oficina de Turismo de Cangas – Casa da Bola
  • Punto de información turística da Illa de Arousa – Museo da Conserva
  • Oficina de Turismo de Baiona
  • Punto de información turística da Estrada
  • Oficina de Turismo O Casal de Ferreirós – Poio
  • Oficina de Turismo de Cambados
  • Oficina de Turismo Mar de Santiago de Vilanova de Arousa

A este conxunto súmanse o Punto de información turística de Nigrán – Dunas de Gaifar e a Oficina de Turismo de Bueu, que obteñen a Q de Calidade e pasan a integrarse no ámbito do multisite Rías Baixas.

Ademais, o castelo de Soutomaior continúa formando parte dos recursos provinciais que contan con este prestixioso distintivo de excelencia turística.

Avances en sostibilidade: renovación e novos recoñecementos

En materia de sostibilidade, a sede de Turismo Rías Baixas, situada no Pazo das Mendoza, foi distinguida por segundo ano consecutivo co certificado “S” de Sostibilidade, que recoñece boas prácticas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a xestión responsable do destino.

Pola súa banda, o museo do castelo de Soutomaior obtén por primeira vez este selo, acadando un fito singular en Galicia: é o segundo museo galego en recibir esta certificación. O primeiro foi tamén da Deputación de Pontevedra, o Museo da Deputación.

O castelo de Soutomaior convértese así mesmo na primeira fortaleza de Galicia en obter o certificado “S”, consolidando o compromiso da institución provincial cun turismo cultural sustentable e de excelencia.

 

 

Volver a noticias