Ir o contido principal
15 de Xaneiro de 2026

A Deputación de Pontevedra presenta a súa nova campaña no Pazo dos Escudos.

Presentación campaña turismo 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou hoxe no Pazo dos Escudos de Vigo a nova campaña de promoción turística do destino Rías Baixas para o ano 2026, que se centra por primeira vez de maneira monográfica no turismo deportivo baixo o lema “A túa meta, o teu destino”.

O acto contou coa participación da vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; do deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; así como de membros do goberno provincial e representantes do sector turístico da provincia.

A campaña sitúa os 61 concellos da provincia como un gran polideportivo ao aire libre, capaz de acoller durante os 365 días do ano tanto afeccionados como profesionais do deporte, así como familias e visitantes que buscan gozar de actividades físicas en solitario ou en grupo, nun contorno natural de excepcional calidade.

Por segundo ano consecutivo, a Deputación escolleu a propia provincia de Pontevedra para presentar a campaña de Turismo Rías Baixas, apostando por un lanzamento previo no territorio antes da súa presentación en feiras internacionais como Fitur, á que a campaña chegará a próxima semana. O formato do acto foi concibido como un evento deportivo, cunha posta en escena innovadora que presentou o destino como unha carreira con saída, percorrido, participantes, equipo e organización.

A campaña “A túa meta, o teu destino” acompañará a promoción turística de Rías Baixas ao longo de todo o ano 2026, reforzando a imaxe da provincia de Pontevedra como un referente en turismo deportivo, activo e de calidade.

Arquivo de vídeo

Volver a noticias