Ir o contido principal
24 de Novembro de 2025

Un circuíto de pantallas exhibirá a campaña Cando volves? a última semana de novembro.

Cando Volves Gran Vía Madrid

O deputado de Turismo Rías Baixas, Jesús Vázquez Almuíña, acompañado da directora de Turismo da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández Pena, presentou este luns no Teatro Capitol de Madrid unha das accións que está a poñer en marcha a Deputación de Pontevedra para avanzar na desestacionalización e na descentralización do destino Rías Baixas. Desde hoxe e durante toda a semana, ata o día 30 de novembro, a Deputación proxectará na Gran Vía de Madrid —un dos mercados emisores clave de visitantes— os materiais da campaña Cando volves? preto de 2.000 veces, coincidindo cun momento do ano no que o interese xeral por realizar viaxes ou escapadas curtas comeza a incrementarse.

O anuncio da campaña visualizarase preto de 2.000 veces entre as 7 da mañá e a 1 da madrugada, con especial intensidade na xornada deste luns, e cunha estimación de máis dun millón de impactos potenciais. A campaña Cando volves? está centrada no interior da provincia de Pontevedra como un gran descoñecido para o gran público. Rodouse en 40 localizacións de 23 concellos do interior pontevedrés para presentar unha viaxe colectiva de hospitalidade, de afecto, de sustentabilidade e de equilibrio territorial, identificándoos como algúns dos principais atributos da provincia. Ao longo do ano foi recoñecida en festivais de audiovisuais turísticos celebrados en Xapón, Sudáfrica, Estados Unidos, España, Francia e Grecia.

Volver a noticias