A Deputación de Pontevedra presenta a súa campaña turística anual na BTL
A Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, estará presente do 26 de febreiro ao 1 de marzo na BTL de Lisboa cun stand propio no que se amosarán as virtudes da provincia e se difundirán materiais promocionais sobre o destino. Isto supón a volta da Deputación de Pontevedra a esta feira tras 20 anos (a última asistencia foi en 2006).
Ademais, o xoves 26 de febreiro presentarase o destino a través dun evento no que se amosará a peza principal da nova campaña promocional “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”, co obxectivo de dar a coñecer a provincia no mercado portugués, clave pola súa proximidade xeográfica e afinidade cultural. Este evento dará comezo ás 13.00 horas no stand do Porto e contará coa participación de representantes do sector turístico e institucional: Jesús Vázquez Almuiña, deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, presentará o evento acompañado de representantes do sector e en colaboración con Turismo do Porto e Norte de Portugal.
Durante o acto proxectarase o vídeo promocional, peza central da nova campaña de Turismo Rías Baixas, que aposta por unha campaña diferente ás anteriores, amosando como deporte e turismo van da man. A continuación, convidarase ás persoas asistentes a participar nunha cata de viños con denominación de orixe Rías Baixas, unha experiencia que poñerá en valor a excelencia enoturística propia do destino.
Con esta acción, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas reforzan a súa estratexia de promoción internacional, apoiando as sinerxías do mercado portugués e consolidando a provincia como un destino referente no noroeste da península.