Passar para o conteúdo principal
19 de Abril de 2025

A provincia de Pontevedra impúxose a outros catro destinos españois nos galardóns, elixidos polos lectores da revista nunha votación en liña.

Premios Lectores National Geographic 2025

A Deputación de Pontevedra suma un novo recoñecemento á excelencia do destino Rías Baixas a través dos Premios Lectores convocados pola revista Viaxes National Geographic. Tras un mes de votacións, entre xaneiro e febreiro, a provincia de Pontevedra foi elixida polas persoas lectoras da publicación como o mellor destino de praia, impoñéndose aos outros catro finalistas nesta categoría.

Sobre o destino Rías Baixas, a revista destaca que “situadas na costa noroeste de Galicia, as Rías Baixas son un destino de augas tranquilas, pequenas illas e vilas mariñeiras, rodeadas dunha fermosa paisaxe verde”. Así mesmo, tamén subliña que “ademais do aire fresco do océano, nestas terras respírase un ambiente tranquilo que invita a gozar do mar, da terra e dos deliciosos mariscos da gastronomía galega”. A provincia de Pontevedra competía nesta categoría contra o Cabo de Gata (Almería), a Costa Dourada (Tarragona), Gran Canaria e a Costa Occidental de Cantabria.

O premio das Rías Baixas como mellor destino de praia demostra que o turismo de sol continúa a ser un dos principais motivos para visitar a provincia. A singularidade do litoral pontevedrés converte a súa costa nun espello de norte a sur, con praias veciñas desde as que tamén se poden contemplar vilas mariñeiras ou as tradicionais bateas. Cómpre lembrar, ademais, que a provincia de Pontevedra é a segunda de España con máis distintivos de Bandeira Azul en 2024, cun total de 61 galardóns, só por detrás de Alacante.

Volver a noticias