Ir o contido principal
11 de Decembro de 2025

Food Trucks de Turismo Rías Baixas chegarán a todos os concellos da provincia

Food Truck Rías Baixas

Este mércores presentouse a nova campaña gastronómica de Turismo Rías Baixas, que constará de tres furgonetas que percorrerán os 61 concellos da provincia para dar a coñecer as festas gastronómicas da provincia, a calidade dos seus produtos e a riqueza cultural e patrimonial dos concellos que as acollen.

Cada food truck estará como mínimo un día en cada un dos concellos e ofrecerá como mínimo un prato inspirado en cada unha das 25 festas gastronómicas de interese turístico da provincia de Pontevedra. Prevese repartir, de xeito gratuíto, máis de 300 degustacións ao longo dos máis de tres meses que durará a actividade, que tamén ofrecerá información sobre a data e os lugares nos que se celebra cada unha das festas.

A partir do 28 de xaneiro, tres furgonetas equipadas con cociña iniciarán tres rutas pola provincia. Unha percorrerá o sur, con saída desde Vigo e remate en Gondomar o 19 de abril, despois de pasar por Mos, Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Crecente, Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, O Porriño, Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán.

Outra partirá desde O Grove para percorrer o centro da provincia, visitando os concellos de Sanxenxo, Meaño, Meis, Poio, Barro, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Covelo, onde rematará a ruta o 19 de abril.

A terceira, con saída desde Rodeiro, percorrerá o norte con paradas nos concellos de Dozón, Agolada, Lalín, Vila de Cruces, Silleda, Forcarei, A Estrada, Campo Lameiro, Cuntis, Pontecesures, Valga, Caldas de Reis, Catoira, Vilagarcía, Portas, Moraña, Vilanova, A Illa e Cambados, para rematar o 27 de abril en Ribadumia.

Volver a noticias