O segredo das Torres do Oeste

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Unha das fortalezas máis importantes da Idade Media situada na desembocadura do río Ulla, que actuaba como defensa fronte aos ataques normandos e sarracenos que querían alcanzar a cidade do Apóstolo Santiago.

A situación xeográfica privilexiada do municipio de Catoira foi quizais a razón pola que sufriu tantos ataques marítimos no pasado. Habitada desde a antigüidade, do que deron conta restos castrexos localizados no lugar sobre o que se erixiron as torres de Oeste, as cales formaban parte do escudo defensivo de Galicia desde comezos da Idade Media ata o reinado dos Reis Católicos.

Na Alta Idade Media as hostes normandas atacaron repetidamente a ría de Arousa, saqueando Iria Flavia no século IX, nun intento por chegar á cidade de Santiago de Compostela, e así continuaron ata ben avanzado o século X. Foi o monarca Afonso III o Magno quen ordenou construír un edifico relixioso e outro civil. Este castelo converteuse nun dos principais bastións defensivos do reino asturiano e de toda a Europa altomedieval. No século XII foron as hordas sarracenas as que tentaron cumprir o que os normandos non puideron: chegar á cidade do apóstolo. Non o conseguiron, pero os pobos da costa si sufriron as pillaxes dos piratas.

Unha das catro festas de interese turístico internacional da provincia de Pontevedra ten lugar en Catoira o primeiro domingo de agosto. As torres, declaradas monumento histórico-artístico en 1931, formaban un escudo defensivo xunto coas torres de San Sadurniño e as da Lanzada. Desde hai 54 anos, e cada vez de maneira máis multitudinaria, realízase un simulacro festivo do desembarco normando. Foi en 1961 cando, tras unha comida de confraternización na Xunqueira das Torres, vendo un lume nos montes alén da ría, o cura de Catoira, Faustino Rey Romero, reaccionou exclamando: "É o lume dos viquingos que nos veñen atacar, que veñen os viquingos!".

Ao ano seguinte repetiuse pero nesta ocasión engadiron gaitas e un personaxe viquingo chamado Ulfo. De marcado carácter cultural, as actividades poéticas, musicais, teatrais e de intercambio entre a cultura celta e a nórdica mantéñense. Trece anos despois daquela comida xa acudían á festa tres representantes da diplomacia dos países nórdicos e utilizábase un barco draga "disfrazado" para a ocasión.

O Concello de Catoira tomou as rendas da festa no ano 1991, salvo do desembarco, do que se ocupa o Ateneo Viquingo. Por mor da internacionalización da festa varias artesás e artesáns desprazáronse a Frederikssund, a cidade con máis tradición viquinga de Dinamarca, para coñecer as técnicas de carpintería de ribeira. Así, construíron o primeiro drakkar (barco viquingo), referente e imaxe da festa.

O día do desembarco ten lugar a mexilloada popular, acompañada de viño tinto do Ulla. Miles de persoas ocupan as terras das torres esperando a chegada viquinga. Tres embarcacións saen do porto de Catoira e dispoñen o ataque. Fronte á costa comezan os berros e en canto os seus integrantes pisan terra corren cara ás torres, onde se achan barrís de viño tinto que beberán usando os seus cornos e cascos. Con eles dedicaranse a molestar as persoas visitantes ou a simular escenas de raptos e pelexas.

Como contrapunto a esta escenificación do que no seu día foi unha barbarie, a noite anterior organízase unha cea medieval á que é obrigatorio acudir con vestimenta de época e á cal lle segue unha procesión iluminada con fachos á beira do río Ulla, unha lectura dun manifesto pola paz e a convivencia entre pobos e culturas. 

Gozar con...
Parella Grupo
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos