Cabecera experiencia

Birding, o pracer de observar aves

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur Icono Interior Norte Interior Norte Icono Interior Sur Interior Sur
A observación de aves, tamén denominada birding ou birdwatching, é xa unha actividade de interese turístico que combina a afección pola fauna avícola co gozo da beleza das diferentes paisaxes e a tranquilidade propia do avistamento. Limícolas, nocturnas, rapaces… Rías Baixas ofrece enclaves excepcionais para as e os amantes da ornitoloxía. Estes son os principais espazos naturais nos que é posible gozar da afección ao birding na provincia.

Parque Nacional das Illas Atlánticas

É un dos lugares máis atractivos para a observación de aves nas Rías Baixas. O arquipélago, formado polas illas Cíes, A Illa de Ons, Cortegada e Sálvora, está protexido pola rede Natura 2000 e foi declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA).

Desde Vigo, Baiona e Cangas ofértase transporte marítimo ás illas Cíes, mentres que para A Illa de Ons hai saídas regulares durante a época estival desde portos coma os de Bueu, Vigo, Cangas, Baiona ou Portonovo.

En Cíes as e os afeccionados poden visitar o seu centro de interpretación, así como percorrer as rutas que conducen a áreas onde habitan grandes colonias de aves, coma a gaivota patiamarela, que ten aquí a maior colonia do mundo. Outras variedades que se poden avistar nas illas son os corvos mariños cristados, os mascatos, os pombos torcaces ou as rulas.

Parque Nacional de las Islas Atlánticas
Parque Nacional de las Islas Atlánticas

Complexo Intermareal Umia-O Grove

De excepcional importancia é o Complexo Intermareal Umia-O Grove, que está protexido tamén pola rede Natura 2000 (clasificacións ZEC e ZEPA), e está incluído na lista de zonas húmidas de importancia internacional, segundo o Convenio Ramsar. Ademais, considérase Zona de Especial Interese Comunitario.

En 2014 parte da área foi declarada reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove e actualmente é un dos mellores enclaves de España para o avistamento de diversas variedades de aves acuáticas invernantes, que alcanzan neste lugar os 18.000 exemplares.

Tamén son importantes as aves limícolas, como gabitas, virapedras, pilros, píldoras douradas, mazaricos, píllaras ou biluricos. Ademais, pódense ver distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carráns, mobellas, pentumeiros ou corvos mariños, que chegan ao complexo procedentes do norte de Europa.

Complejo Intermareal Umia-O Grove
Complejo Intermareal Umia-O Grove

Estuario do Miño (O Baixo Miño)

Ao sur da provincia atópase o estuario do Miño, que linda con Portugal no tramo final do maior río de Galicia ata a súa desembocadura na Guarda. Trátase dun espazo de 3.000 hectáreas, protexido pola rede Natura 2000 e declarado zona ZEPA, que constitúe un hábitat ideal para aves migratorias e limícolas, coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías. Alí tamén se poden avistar outras coma patos, garzas, mergullóns; aves mariñas, coma o pentumeiro; ou rapaces, coma a gatafornela, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora. Durante a época invernal acolle ata 3.500 exemplares.

Estuario del Miño (O Baixo Miño)
Estuario del Miño (O Baixo Miño)

Brañas de Xestoso

Dirixímonos ao interior da provincia, onde se atopan as Brañas de Xestoso, que forman parte da rede Natura 2000 e foron declaradas zona ZEC. Este espacio natural sitúase nos municipios da Estrada, Silleda e Forcarei, na serra do Candán. Trátase dunha zona húmida formada por prados, matogueiras e turbeiras, situada na súa maior parte xunto á lagoa Sacra de Olives, que acolle moitas especies protexidas de animais, das que once son de aves.

Entre os exemplares que se poden observar destacan as escribentas amarelas e riscadas, as lavercas, os tordos charlos, os trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África coma os picanzos vermellos e as picas das árbores; ou aves rapaces coma a gatafornela, a tartaraña cincenta, a aguia cobreira ou o miñato abelleiro, entre outras. Tamén se poden ver o bufo real e a aguia real, que están en perigo de extinción. A época ideal para a observación destas aves é a primavera.

Brañas de Xestoso
Brañas de Xestoso

As Gándaras de Budiño

Tamén se pode gozar do avistamento de aves no observatorio ornitolóxico das lagoas das Gándaras de San Salvador de Budiño, no Porriño. A zona húmida forma parte da rede Natura 2000 e acolle ata 27 variedades de aves protexidas. Trátase dun lugar de parada de especies migratorias onde se poden atopar, entre outros exemplares, cercetas e garzas pequenas.

As Gándaras de Budiño
As Gándaras de Budiño

Outros puntos importantes de avistamento de aves en Pontevedra:

  • Monte Aloia. Situado en Tui. No seu centro de interpretación ofrécese información sobre as aves do lugar. Forma parte da serra do Galiñeiro, que tamén é ideal para a observación. Entre os exemplares que se poden ver está a charrela, o miñato común, o cuco, o lagarteiro ou a avelaiona.
  • Marismas do Alba. A ribeira do Lérez (rede Natura 2000) acolle aves acuáticas coma o picapeixe, o corvo mariño negro, a garza real ou o bilurico das rochas.
  • Sistema fluvial Ulla–Deza. Trátase de 1.600 hectáreas protexidas pola rede Natura 2000 onde se localizan 49 especies sensibles, 24 delas de aves.
  • Ría de Baiona. Esta área atópase ao sur de Pontevedra, entre Nigrán e Baiona. A zona de Baiona conta con dous espazos ZEC: A Ramallosa e as illas Estelas. O primeiro está situado na zona costeira próxima á praia da Ladeira; mentres que o segundo trátase dun complexo rochoso ao que non se pode acceder desde a ría, polo que a observación se debe facer desde puntos próximos, coma a península de Monte Ferro. En ambos puntos pódense observar aves migratorias tanto no inverno coma durante os pasos migratorios, así coma aves acuáticas, rapaces ou paxaros palustres.
  • Costa da Vela e Cabo Udra. Atópanse a ambos os dous lados da península do Morrazo, nos municipios de Cangas e Bueu. Entre os dous ocupan máis de 2.000 hectáreas, protexidas pola rede Natura 2000, e conforman o hábitat dunha vintena de especies protexidas, moitas delas aves.
  • Cabo Silleiro. Está situado ao sur da ría de Baiona, na vertente rochosa de Oia, pero non conta coa protección que ten a anterior baía. Neste caso, a área acolle aves similares ás que se atopan na Ramallosa e nas illas Estelas.
  • Cotorredondo. Atópase nos municipios de Marín, Moaña e Vilaboa, nunha contorna natural idónea para gozar do avistamento de aves.
  • Serra do Suído. Esténdese polos municipios de Fornelos de Montes, Covelo e A Lama. Alí podemos ver distintas especies de aves, entre elas algunhas de rapina.

Para quen se inicia nesta actividade recoméndase, ademais de paciencia, uns bos prismáticos e roupa adecuada para o clima, consultar cando é a época do ano ideal para o avistamento en cada hábitat.

Algunhas ligazóns de interese:

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos