Cabecera experiencia

Badaladas de Fin de Ano ao mediodía en Vilagarcía de Arousa

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte
A capital do Salnés, repleta de atractivos turísticos e cunha exquisita gastronomía, celebra a Noitevella ás doce do mediodía coa Festa das Uvas

Vilagarcía de Arousa non se conforma con celebrar unha vez o Ano Novo. Desde 1998 a cidade adiántase doce horas ás badaladas da media noite do 31 de decembro nunha multitudinaria festa na praza de Ravella, xunto ao concello. Música, confetti, uvas, cava, lambonadas para nenas e nenos… Nada falta no evento, ao que con posterioridade se sumaron outras localidades pero do que a capital do Salnés, novena urbe de Galicia en poboación, con 37.500 habitantes, é pioneira.

Empresariado de comercio e hostalería e persoas voluntarias participan na organización da bautizada como Festa das Uvas, que só se interrompeu en 2003 pola catástrofe do Prestige. Embolsan e reparten todo o necesario para a celebración entre as persoas asistentes, mentres un espectáculo  quenta motores unha hora antes de entrar no novo ano á luz do mediodía. Panxoliñas, clásicos musicais e outros estilos animan o ambiente nun evento de gran repercusión nos medios de ámbito nacional. Despois das badaladas desátase a festa co lanzamento de confetti. Antes de que Nova York, Buenos Aires, Río de Janeiro, Londres, Berlín ou O Cairo festexen ao grande o Aninovo, a xente de Vilagarcía de Arousa e as persoas visitantes que se achegan á praza Ravella xa puxeron simbolicamente o reloxo nas doce e un minuto do día seguinte.

As festas son un dos moitos atractivos da capital do Salnés: durante o ano sucédense festexos de interese turístico de distinto tipo, desde relixiosos e históricos a gastronómicos e puramente lúdicos. Un dos máis orixinais e con maior poder de convocatoria é a Festa da Auga, na que milleiros de persoas se concentran nas rúas do centro mentres os bombeiros e a veciñanza os regan con auga desde os balcóns. A procesión de San Roque –patrón de Vilagarcía de Arousa–, cos desfiles de carrozas e a batalla de flores; Santa Rita; o Combate Naval; e, no apartado gastronómico, a festa da afamada ameixa de Carril e a Mostra do Albariño son outras das citas do calendario que máis persoas congregan.

Ademais, nos últimos anos renaceu con forza o Festival das Revenidas, en Vilaxoán, coa actuación de artistas e bandas nacionais e internacionais e actividades para todos os públicos.

Paraíso gastronómico

Vilagarcía de Arousa, bendicida por un clima suave e cálido no verán do mesmo xeito que todas as Rías Baixas , é un destino turístico de primeiro nivel e ten na gastronomía uno dos seus puntos fortes, sobre todo no referido aos produtos do mar. A prezada ameixa de Carril alcanzou un enorme prestixio, e no menú imprescindible entran tamén manxares como nécoras, centolas, mexillóns, navallas ou lumbrigantes. O polbo é outro dos clásicos, do mesmo xeito que o peixe nas súas distintas variedades. Para regar a comida o mellor é unha copa de albariño, o viño de uva branca mundialmente recoñecido que se produce no val do Salnés, no condado do Tea, Soutomaior, O Rosal e a ribeira do Ulla.

A cidade conta con praias como A Concha e Compostela, ambas as dúas unidas por un paseo marítimo de máis de dous quilómetros que une o centro con Carril. Vilaxoán, pola súa banda, presume do areal de O Preguntoiro. Ademais, no termo municipal está a illa de Cortegada, que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, formado tamén por Cíes, Ons e Sálvora. Na contorna da cidade, desde o monte Xiabre, con 641 metros de altura, é posible facer unha perfecta composición de lugar. As panorámicas da ría desde alí son espectaculares.

O centro urbano convida ao paseo polas súas rúas, recunchos e edificios. Na rúa do Cristo poden verse as casas de Juan García e do Marqués de Aranda co seu orixinal pórtico columnado. Xunto coa praza do Castro e as rúas adxacentes a zona conforma o núcleo fundacional da cidade.

Fermosos pazos

Os pazos son outro dos sinais de identidade da vila. Próximo ao centro levántase o dos marqueses de Vilagarcía de Arousa, que data do século XVI. Ao seu lado está o convento das agostiñas recoletas de Vista Alegre, datado no século XVII. O pazo de Rubiáns, o único señorío de Galicia, cos seus vistosos xardíns; o da Golpelleira; o de Sobrán, o de Pardiñas e o de Rial, reconvertido en hotel, son outras das casas señoriais da cidade.

Vilagarcía de Arousa é tamén rica en patrimonio relixioso, con templos como a igrexa de Santa Eulalia, de estilo barroco; San Pedro de Fontecarmoa; San Martín de Sobrán; Santiago de Carril e San Salvador de Sobradelo.

Fin de Ano pode ser unha boa data para coñecer a cidade. Iso si, hai que estar en Vilagarcía de Arousa con doce horas de antelación para comer as uvas. Pagará a pena!

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Costa Norte