Catoira revive o asalto dos saqueadores viquingos

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   

As Torres do Oeste vixían aínda hoxe maxestosamente a entrada desde a ría de Arousa ao río Ulla máis de mil anos despois das incursións dos viquingos, que atacaban Galicia para saquear o ouro de Jakobsland, como denominaban a Santiago de Compostela. Na actualidade as ruínas desta antiga peza defensiva son, o primeiro domingo de agosto, o escenario dun espectacular e divertido desembarco dos guerreiros nórdicos. A festa, de Interese Turístico Internacional, atrae cada ano a máis de 50.000 persoas.

O conxunto fortificado das torres, Monumento Histórico-Artístico Nacional desde 1931, formaba parte da rede de defensa marítima xunto coas torres da Lanzada (Sanxenxo) e San Sadurniño (Cambados). Desde alí alertábase a Compostela da chegada de invasores co fin de solicitar reforzos.

A Romaría Viquinga naceu en 1961 por iniciativa dun grupo de amigos que se reunían na cantina da estación ferroviaria, rexentada por Segundo Rodríguez Sánchez, fundador do Ateneo do Ullán. Os membros desta entidade organizaron unha comida en honra do arcebispo catoirense Xelmírez. Alí produciuse unha anécdota que daría lugar a unha festa que hoxe é internacional e que irmandou Catoira cos países de tradición viquinga. Aqueles amigos divisaron nos montes de Isorna (Rianxo) un lume e, segundo os testemuños, Faustino Rey Romeu, poeta e cura de Catoira, exclamou: É o lume dos viquingos que nos veñen atacar; que veñen os viquingos!

Ulf, o Galego

Ao ano seguinte repetiuse a experiencia e apareceu por primeira vez a figura de Ulf , o invasor viquingo que chegou no século XI cuberto de ramas e que pasou á historia como o Galego. O primeiro desembarco dos guerreiros nórdicos produciuse en 1968 a bordo dun barco de extracción de area disfrazado de drakkar, coa proa e popa elevadas, mascaróns, velas e 24 remos, no que navegaban preto de 50 piratas.

A partir de 1965 a festa pasou a mans dos traballadores de Cedonosa, empresa pioneira na fabricación de baldosas de gres; os seus 200 empregados encargáronse da organización da romaría anual e correron cos gastos. En cada edición servíanse centos de quilos de mexillóns e viño tinto do Ulla, unha tradición que perduraría no tempo.

A bordo dos drakkar máis de 200 guerreiros baten as súas espadas contra os escudos e levántanas antes de saltar a terra en busca do seu botín

O Concello encárgase da organización da festa desde 1991 xunto co Ateneo Viquingo. Aquel primeiro drakkar, que nin sequera estaba preparado para navegar, deixou paso a unha frota que, en 2016, xa estaba composta por cinco barcos: os drakkar Torres do Oeste, o Frederikssund, o galeón Úrsula do Ateneo Viquingo, o Illa de Cortegada e o galeón Kornaira. A bordo, uns 200 guerreiros ataviados con saias, peles, cascos con cornos, espadas e escudos asaltan Catoira aos pés das torres. Miles de persoas de Galicia, do resto da Península e mesmo doutros países de Europa acoden a presenciar o espectáculo.

A festa está declarada de Interese Turístico Internacional desde 2002 e previamente realizouse un importante traballo para dala a coñecer noutros países. Catoira estableceu lazos coa cidade de Frederikssund, a de maior tradición viquinga en Dinamarca e que deu nome ao primeiro drakkar, e actualmente mantén relacións con todas as urbes con pasado vinculado aos guerreiros nórdicos.

Cea medieval con mil comensais

O desembarco, que en 2017 se celebra o día 6, vén precedido e acompañado de numerosas actividades culturais. A noite anterior ten lugar unha cea medieval con 1.000 comensais e, a continuación, un espectáculo de fogos de luces ao que asisten 7.000 persoas. Representacións teatrais, concertos, cursos e charlas forman parte da axenda previa ao desembarco desde comezos da semana.

O desembarco é o momento álxido da festa. As embarcacións cos viquingos a bordo navegan cara aos illotes das Lobeiras, onde planifican o ataque. Desde alí parten cara ás Torres do Oeste seguidos de numerosas embarcacións congregadas para presenciar o espectáculo. Os drakkar fan un primeiro percorrido antes de atracar; os guerreiros golpean as súas espadas contra os escudos e levántanas en sinal de ameaza.

Xa preto de terra os piratas nórdicos saltan e corren en busca do seu botín, barrís de viño tinto colocados para a ocasión. O seu contido é vertido en cascos e cornos e comeza un espectáculo de grandes dimensións retratado en grandes medios de comunicación galegos e internacionais. A festa está servida!

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos