Redondela: cultura, deporte e historia para gozar todo o ano

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur   
Redondela é o municipio dos viadutos, pois ata tres pontes sobrevoan os edificios da cidade. Unha localidade con 13 parroquias de costa e monte nas que poder gozar de decenas de actividades.

Se o que se desexa é facer deporte, son varias as alternativas: pasear, realizar sendeirismo ou mesmo montar en bicicleta de montaña é posible grazas aos numerosos camiños que atravesan o monte. A ruta máis famosa é a Senda da Auga, no que se coñece como A Traída, un camiño de máis de 20 quilómetros que comeza en Vigo e acaba en Pazos de Borbén; a maior parte do seu percorrido transcorre polo municipio de Redondela.

Por estar situada na costa, os deportes de auga son tamén bastante populares, desde o remo ata aqueles dependentes do vento que son posibles na praia de Cesantes para delicia das persoas que practican windsurf e kitesurf. A súa orografía en forma de frecha –co nome da Punta– parece sinalar directamente a illa de San Simón.

Redondela
Redondela-San Simón

San Simón é unha illa milenaria. Aínda que posiblemente a súa historia se prolongue máis no tempo, os seus datos históricos detéñense coa presenza da Orde do Temple hai arredor de 800 anos.

Poucos son os lugares elixidos por estes misteriosos e espirituais guerreiros para protexer os peregrinos cristiáns nas sendas máis importantes. Enigmáticos soldados, hoxe en certa medida aínda descoñecidos, que puxeron a súa base nestes dous promontorios de San Simón e San Antón. Dúas illas unidas por unha ponte declarada de Interese Cultural que nin corsarios, guerras ou temporais derrubaron co paso dos séculos.

Tras abandonar os templarios a illa pola súa persecución en Europa, asentáronse nela os monxes franciscanos coa súa dedicada inclinación a elixir lugares máxicos. Ademais, dous miradoiros situáronse no seu interior. Por unha banda, o de San Simón, que vixía a entrada da ría e foi testemuña de batallas internacionalmente coñecidas coma a de Rande. Xulio Verne plasmou esta batalla da Guerra de Sucesión na súa obra Vinte mil leguas baixo dos mares. No mar, preto da illa, atópase precisamente unha escultura do seu protagonista, o Capitán Nemo, señor do submarino Nautilus. Anualmente, o Museo de Meirande, apenas a 6 quilómetros de Cesantes, realiza unha representación ao aire libre da mesma contenda polo seu aniversario. O outro miradoiro atópase na illa de San Antón.

Na actualidade desenvólvese unha intensa actividade cultural na illa, onde música e literatura se dan cita no festival Sinsal cada xullo. Ademais de para desenvolver actividades oficiais, pódese acceder á illa gratuitamente por iniciativa propia a través de illadesansimon.cultura@xunta.gal ou dalgunha empresa externa.

A pesar de contar cunha gran cidade coma Vigo a apenas uns quilómetros, as veciñas e veciños da localidade poden presumir de ter unha vida nocturna activa, especialmente no verán. No labirinto de rúas na zona vella agóchanse decenas de pubs e bares para gozar das noites estivais. E se a Festa da Coca en xuño anuncia o comezo da nova estación, o Entroido de Verán a mediados de agosto é o broche de ouro, pois atrae visitantes doutras cidades; en 2017 celébrase a súa XIX edición.

Para completar estas actividades, sempre se pode acudir ao Parque Arqueolóxico Monte Penide Prehistórico –onde se localizan petróglifos e dólmenes de ata 4.000 anos de antigüidade–, o cal, ademais, se atopa preto dun dos miradoiros máis populares do concello: o do banco máis bonito do mundo, en Cedeira, con vistas á ría.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur