Cabecera experiencia

Belén de Valga: tradición e creatividade en movemento

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte
As veciñas e veciños da localidade traballan durante tres meses na preparación do nacemento artesanal, o maior das súas características en Galicia con 4.000 figuras talladas á man. A orixinal composición combina escenas do Nadal con personaxes e feitos de actualidade

Os Reis Magos comparten belén en Valga co novo presidente dos Estados Unidos, o republicano Donald Trump, e coa súa rival demócrata, Hillary Clinton. A localidade á beira do río Ulla presume de exhibir o maior nacemento artesanal de Galicia con figuras en movemento.

A veciñanza traballa duro durante varios meses para que todo estea a punto a principios de decembro para a apertura ao público da espectacular, orixinal e creativa composición, declarada de interese turístico pola Xunta de Galicia e visitada por miles de persoas cada ano.

O belén, exposto na parroquia de Campaña e con 21 anos de historia ás súas costas, compóñeno preto de 4.000 figuras, todas talladas á man, das que medio milleiro está en continuo movemento. A asociación cultural Amigos do Belén de Valga encárgase de preparalo e montalo, coa colaboración do Concello. O nacemento crece en cada edición ao combinar os clásicos elementos bíblicos con referencias a temas de actualidade de interese local, nacional ou mundial.

Escenas tradicionais como a matanza do porco ou a colleita da uva comparten espazo con personaxes ilustres de Galicia como Rosalía de Castro, Castelao ou Camilo José Cela. Por suposto, as celebridades históricas de Valga tamén están representadas, como A Bela Otero e Jesús Ferro Couselo. Seguindo sempre o fío da actualidade, as veciñas e veciños foron incorporando xogadores da selección española de fútbol, autoridades políticas ou ciclistas da Volta a España, que pasou polo municipio nalgunha ocasión.

Os creadores da montaxe utilizan distintos materiais para confeccionar as figuras e os decorados, desde pasta de modelar e escaiola, ata arame, madeira e pedra. Para poñer os personaxes en movemento utilízanse motores usados de artigos como limpaparabrisas ou cepillos de dentes eléctricos.

Luz e efectos meteorolóxicos

E aínda que o belén é cen por cento artesanal, non falta a tecnoloxía. A máis rudimentaria serve para poñer en movemento as figuras e outra máis avanzada utilízase para conseguir efectos de luz e de son. Con medios informáticos e unha coidada programación simúlanse as distintas fases do día e fenómenos meteorolóxicos como nevadas e tormentas. As personaxes están en continuo movemento e as xornadas transcorren desde a alba ata o anoitecer.

A páxina de Facebook do belén dá fe da admiración que esperta o nacemento. Os seus seguidores destacan a espectacularidade e orixinalidade da composición e animan a veciñanza a ampliala cada ano. O seu tamaño é impresionante e a organización suma e segue. No calendario do Nadal o belén de Valga é unha visita imprescindible.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Interior Norte