Praias das Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Sexa cal for o teu gusto á hora de elixir unha praia, nas Rías Baixas hai un lugar acaído para ti. Un clima tépedo e un verán que se alonga ata principios de outubro axudan a que sexa un destino ao que quererás volver, buscando as praias que che quedaron pendentes. A provincia ofréceche 53 areais de bandeira azul, case a metade dos galardoados en toda Galicia.

As tres rías da provincia de Pontevedra converten a súa costa nun espello de norte a sur, con praias veciñas e enfrontadas, desde as que se divisan bateas (moi características destas rías e utilizadas para criar e cultivar mexillón), pobos ou vilas mariñeiras. Na ría de Arousa a costa sur mira a provincia veciña da Coruña, xa que a vertente norte desta ría forma parte desta provincia. Praias coma a de Bamio ou a do Preguntoiro, cos servizos que garante a cidade de Vilagarcía de Arousa, ou areais arborizados na poboación próxima de Vilanova de Arousa. Esta ría conta cunha illa cuxa costa é espazo protexido Rede Natura, A Illa de Arousa. Unha viaxe a ela non é unha viaxe completa sen unha visita ao Bao e á praia de Area da Secada, na que poderás pasear e ver as dunas, parando nos seus característicos piñeirais. Se gustas de practicar kaiak ou piragüismo, as empresas de turismo activo da illa permitiranche engadir ao día de praia algo de deporte e achegarte ao illote de Areoso, unha paisaxe virxe de vexetación dunar e area branca.

Máis ao sur, antes de entrar na ría de Pontevedra, atópase a península do Salnés, un dos destinos estrela das Rías Baixas. Paseos marítimos, lendas e ermidas mestúranse nos municipios do Grove e Sanxenxo. Contornas rurais coma Area das Pipas ou Area Grande; semiurbanas e con grandes espazos de zonas dunares coma Area da Cruz e Raeiros, ou coas bateas da ría como paisaxe principal en Meixilloeira, son algunhas das opcións que ofrece O Grove. A Lanzada, unha praia de máis de dous quilómetros na que coñecerás o ritual das nove ondas na noite de San Xoán, rito ao que se atribúen beneficios para a fertilidade, a capela románica da Nosa Señora da Lanzada e as ondas que atraen practicantes de surf locais e de fóra. Doutra banda, a praia de Canelas, en San Vicente do Grove, será a opción ideal se a túa idea de finalizar un día de praia é descansar nun bar próximo con música en directo, xa que o Náutico de San Vicente conta desde hai varios veráns cunha importante programación musical.

Sanxenxo é o municipio galardoado con máis bandeiras azuis (11) das Rías Baixas, seguido de Cangas (7) e Vigo (9). Esta é só unha das razóns polas que continúa a serun referente estatal , xunto con Cartaxena, de destino turístico consolidado de sol e praia. Fronteiriza coa Lanzada, O Espiñeiro é unha pequena praia de 300 metros, de carácter urbano. Outras urbanas e semiurbanas son Caneliñas e Baltar, na vila pesqueira de Portonovo; A Lapa, Areas Gordas e Canelas, ademais da emblemática Silgar, urbana por excelencia, pegada ao paseo marítimo de Sanxenxo e lugar de encontro de turistas que repiten destino cada verán. Entre as praias da contorna rural, Sanxenxo ofrece a posibilidade de visitar as de Paxariñas ou Montalvo, con paisaxe de cantís e dunar respectivamente, cuxo público se nutre maioritariamente do cámping situado entre elas. Outras praias dunares son Maxor e Pragueira, próximas a Foxos, paraíso de surfistas. O que fai a outra praia, Bascuas, diferente ao resto é o seu carácter de praia nudista. De aspecto salvaxe, rochoso e rodeada dun suave cantil cunha baixada ao areal, é unha das máis concorridas do municipio. Bascuas e Foxos locen tamén o distintivo azul. Un distintivo que, en Moaña, ondea na praia do Con.

Cara ao interior da ría de Pontevedra o municipio de Poio conta entre os seus areais con dúas bandeiras azuis, Xiorto e Cabeceira, preto do porto de Raxó a primeira e semiurbana a segunda.

As paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son os grandes atractivos de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, todos eles concellos da península do Morrazo. As praias marinenses ocupan un lugar destacado na costa sur da ría de Pontevedra. Os seus areais de Portocelo, Mogor e Aguete contan con bandeira azul, do mesmo xeito que o do Santo, que conseguiu o distintivo en 2015. As praias de area fina e mar calmo gozan de moitísima fama e miles de bañistas acoden cada verán atraídos pola beleza e a calidade das súas augas. Podes visitar tamén o areal de Loira para coñecer de primeira man a vida dunha vila mariñeira con bos restaurantes.

Na península do Morrazo descubrirás que as paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son outros dos atractivos desta comarca, sobre todo as súas praias, maioritariamente rurais, de area finísima e augas tranquilas. Bueu, Cangas e Moaña repártense areais de norte a sur. En Bueu poderás atopar a escondida praia de Lapamán, pasando por Portomaior, e achegándote á ría de Aldán, entre outros, os areais de Area de Bon e Lagos, todos eles con bandeira azul. Desde as praias do municipio divisamos a illa de Ons, visitable en barco desde Bueu e Sanxenxo, que conta con praias protexidas orientadas ao interior da ría, entre as que destacan Canexol, Area dos Cans e a paradisíaca Melide. Na costa de Cangas atopámonos co maior número de praias –sen contar outras moitas calas– (38 en total), das que sete foron distinguidas con bandeira azul. Na ría de Aldán destacan as praias de Menduíña, Areacova ou Areabrava, ademais de paradisíacas calas coma Pipín ou Castiñeiras. Xa na ría de Vigo, a zona protexida de Cabo Home e a Costa da Soavela conta tamén con areais de destacada singularidade e recoñecido valor paisaxístico, coma Melide, onde parece que podemos tocar as illas Cíes, ou Barra, considerada a mellor praia nudista de Galicia. Nerga, Areamilla, Liméns e Rodeira completan a relación de praias distinguidas.

Deixando O Morrazo atrás, ao fondo da ría de Vigo podes visitar a praia de Cesantes, no municipio de Redondela, en forma de frecha e apuntando á illa de San Simón. Un atractivo engadido a esta praia pódese ver cando a marea baixa e quedan ao descuberto as esculturas de Julio Verne e os dous mergulladores que o acompañan. Trátase dunha homenaxe á mención da ría de Vigo que o escritor francés fixo na súa novela Vinte mil leguas de viaxe submarina.

Se ben Vigo é coñecida polo seu aspecto máis comercial e industrial, son nove as praias que conseguiron a bandeira azul en 2017. Algunhas pequenas, coma a da Punta ou O Tombo do Gato, e tamén areais amplos coma o do Vao son moi populares entre a poboación de Vigo, así como a praia urbana viguesa por excelencia, Samil, de máis dun quilómetro, cun paseo marítimo que empeza a animarse xa nos primeiros días solleiros de inverno, con restaurantes, xardíns, parques infantís, piñeirais e pequenas praias lindeiras. Resultarache imposible non parar a ver como o sol se oculta tras as illas Cíes. Se decides navegar cara a elas a praia de Rodas será a protagonista de moitas das imaxes que quedarán na túa memoria, pero se te animas a transitar por algunha das sendas que percorren o arquipélago descubrirás outras preciosas praias e calas, coma a de Figueiras, Nosa Señora ou Areíña, ocultas tras piñeirais e protexidas polos cantís. E se estás en Vigo non deixes de coñecer outros areais destacados coma Argazada, Fortiñón, Canido ou A Fontaíña.

Val Miñor é outro destino ideal con múltiples opcións. No municipio de Nigrán poderás practicar surf en Patos ou pasear polos dous quilómetros de areal da Praia América e Panxón. Ao outro lado da baía onde estas se atopan está a vila de Baiona, tamén con varias praias ao longo do paseo que percorre o seu litoral e a península de Monterreal, onde se atopa o Parador de Turismo. Despois da impoñente praia de Ladeira descubriremos praias pequenas, familiares, cunha paisaxe eminentemente náutica. É o caso da Barbeira, próxima ao porto deportivo, pero con augas mornas e transparentes. Famosa pola calidade mineral das súas augas é A Concheira, a última antes de continuar o camiño cara ao sur. Nela verás bañarse persoas maiores da vila, sexa verán ou inverno. A Ribeira e Os Frades tamén te seducirán.

Se continúas a estrada da costa cara ao sur chegarás ao límite natural con Portugal, formado polo río Miño, na localidade da Guarda. As coñecidas praias de Area Grande e O Muíño recibiron en 2017 a bandeira azul. Esta última trátase dun extenso areal con dunas en plena recuperación, auga de baixa salinidade debido á desembocadura do río e un illote chamado A Ínsua, onde se atopa un pequeno forte, testemuña das antigas guerras entre galegos e portugueses.

Bañarse no Atlántico, comprobar como o grosor da area ou o tipo de vexetación dunar varía segundo as rías, saber que hora é segundo estea alta ou baixa a marea, elixir entre contorna urbana con servizos ou outra paradisíaca e case virxe, gozar dun marco de natureza e paisaxe incomparables de augas cristalinas, descubrir as bondades do clima suave das Rías Baixas distinto do tópico de "chuvia en Galicia", gozar da praia para moito máis que sol e baño… poderías enumerar tantos motivos como praias visites cando veñas ás Rías Baixas.

Listado de praias de bandera azul 2017(pdf)

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos