Cabecera experiencia

Pontes medievais na costa sur

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
Moitas son chamadas equivocamente romanas e mesmo perderon o río que pasaba baixo elas debido a cambios no seu álveo. Hainos dun arco, de tres e ata de dez. Algunhas son paso obrigado da peregrinaxe, punto de reunión para a veciñanza desde hai case dez séculos ou lugar de ofrendas para ritos de fertilidade. Todas elas darán un plus de autenticidade aos teus recordos das Rías Baixas, pois darías un paso máis sobre a historia desas pedras que ata agora eran tan só iso, pedras.

Os concellos costeiros de Rías Baixas foron, desde os seus comezos como asentamentos, importantes núcleos comerciais, creando aldeas e vilas ao seu redor, conformando a súa identidade cultural e sendo os pioneiros canto á arquitectura civil se refire. Buscábase mellorar a vida das e dos seus habitantes e permitir o desenvolvemento e a comunicación entre as que agora son cidades e as que non moitos séculos atrás eran terras e señoríos.

O fiel reflexo desta unión é a cantidade de pontes na costa sur das Rías Baixas que se poden visitar.

Un dos exemplos, do que só quedan restos conservados, é unha antiga ponte cuxa reconstrución data do século XII: a antiga ponte do Burgo, na propia cidade de Pontevedra, pola cal cruzan a diario as peregrinas e peregrinos do Camiño de Santiago.

Dun só arco e moi frecuentada pola xente do lugar é a ponte de Aldán, no municipio de Cangas, marabilloso enclave turístico da península do Morrazo, que garda tesouros históricos preto das súas coñecidas e visitadas praias. 

Seguindo cara ao sur, a parada en Ponte Sampaio ofrece, tanto a turistas como a quen estea a realizar o Camiño Portugués a Composela, un deses lugares para fotografar. Situado na desembocadura do río Verdugo, unindo Ponte Sampaio e Arcade, por el pasaron as tropas francesas de Napoleón, derrotadas tras cinco meses de ocupación.

A cidade de Vigo conta con dúas pontes medievais. Situada entre edificios próximos ao estadio de fútbol de Balaídos permanece en pé a que todos chaman por equivocación "a ponte romana". Antigo paso dun camiño do medievo que proviña do sur, o cambio do curso do río Lagares deixouna en desuso e provocou o seu deterioro. Recuperada e protexida, forma parte da paisaxe do barrio de Balaídos.

Subindo os outeiros que levan a Sárdoma, no municipio vigués, pódese atopar unha pequena ponte de dous arcos que forma parte do catálogo de patrimonio arqueolóxico desde 1998.

Se continuamos cara a Gondomar, concretamente na parroquia de Mañufe, pódese atravesar unha ponte do ano 1140, tamén chamada "ponte romana", por estar localizada sobre unha antiga do citado período.

Moi próximo e posterior no tempo atópase outro deses puntos clave nas fotografías de toda visita ao Val Miñor (acolledora comarca formada polos municipios de Gondomar, Nigrán e Baiona) que se prece. As luces que crean os seráns reflectidos nas marismas da Foz, na desembocadura do río Miñor, baixo a ponte da Ramallosa, permanecerán na túa cámara e na túa memoria como quedarían na de tantas peregrinas e peregrinos precursores do actual Camiño Portugués pola costa. O Camiño que trae en peregrinación a miles de persoas desde A Guarda, Oia e Baiona lévaos por esta ponte, que comunica Sabarís con Nigrán, cunha lonxitude de 36 metros e sustentada en dez arcos. Dedicada a san Telmo, como pode comprobarse ante a imaxe do santo que preside o seu arco máis alzado, protagoniza unha desas historias lendarias sobre rituais de fertilidade: a muller que desexe quedar embarazada deberá esperar á medianoite a que pase o primeiro home. Este verteralle auga fría no ventre e será o padriño desa futura filla ou fillo.

Xa na parroquia de Sabarís, pertencente ao municipio de Baiona, dúas pontes se conservan tras seis séculos de existencia, a ponte vella e a ponte do río Groba ou do Mercado, xa que se sitúa nas proximidades da praza de abastos da vila. Ambas as dúas formaban parte do antigo Camiño Real que unía Tui con Baiona.

Non perdas a oportunidade de sentirte parte da historia pisando as mesmas pedras que peregrinas, peregrinos e habitantes do lugar levantaron e cruzaron séculos atrás, mentres gozas das paisaxes e os paseos pola costa sur de Rías Baixas.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos