Xacementos arqueolóxicos en Rías Baixas: mámoas e petróglifos

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur   
Unha das características do Neolítico no noroeste peninsular era a de construír monumentos funerarios empilando pedras ou terra, xeralmente de maneira circular, en ocasións cunha gran pedra no interior chamada dolmen. Pero as persoas da época non só deixaban pegada no momento final da vida: multitude de gravados, figurativos e abstractos, permiten teorizar sobre o día a día daqueles habitantes da provincia de Pontevedra.

Comezando desde o sur, en Vigo podes achegarte ao monte de Candeán e visitar a Casa dos Mouros, tamén chamada Dolmen de Candeán. Moi preto, no municipio de Redondela, a Mámoa ou Cadeira do Rei forma parte do conxunto da necrópole de monte Penide. A mámoa ten un diámetro de 15 metros e unha altura de 2,5 metros.

Continuando cara ao norte, en Marín, podes visitar Chan de Armada e a Mámoa do Rei, compartida co concello de Vilaboa e situada en Chan de Castiñeiras. Ademais da construción conservada (reconstruída no 2001) presenta algúns gravados antropomorfos nas súas lousas.

Para finalizar este percorrido, sen abandonar as zonas próximas á costa, podes visitar Chan de Arquiña en Moaña e a Lapa de Gargantáns en Moraña. A primeira é unha mámoa de arredores do 3.000 a. C. que forma un túmulo de 25 por 30 metros. No enxoval funerario foron encontradas pezas de cerámica, puntas de frecha, unha machada e pezas de sílex e cuarzo, entre outras. O uso deste túmulo durou máis de mil anos.

No tocante á Lapa de Gargantáns, trátase dun menhir de dous metros de altitude, decorado con petróglifos: cazoletas, ferraduras e serpes.

O percorrido que se pode facer polas Rías Baixas en busca dos seus petróglifos achegarate aos vales do interior e a vilas próximas ao mar e aos ríos. Os gravados en pedra, característicos da Idade de Bronce nesta zona da península, alcanzan en lugares coma Campo Lameiro e Cotobade a súa meirande concentración.

Empezando polo sur podes coñecer o Ecoparque Arqueolóxico de Monte Tetón (Tomiño), a Área da Cabeciña (Oia), o Outeiro dos Lameiros (Baiona), o Outeiro de Cribo (Meis), Os Ballotes (Vilagarcía de Arousa), a Laxe das Ferraduras e o Lombo da Costa (Cotobade), Pedra do Cervo ou Laxe das Cuñas (Ponte Caldelas) e Pedra da Serpe (Valga).

Entre todas estas representacións en pedra paga a pena destacar algunhas que farán as delicias das persoas que visitan as Rías Baixas, que coñecerán a historia que gardan os seus vales.

A Área Arqueolóxica de Mogor, no municipio de Marín, é un conxunto de gravados abstractos, labirintos, cazoletas e círculos concéntricos distribuídos en tres afloramentos. O seu centro de interpretación abriu en 2015 e pódese visitar de martes a domingo.

Moi preto, en Poio, a Área Arqueolóxica da Caeira, presenta gravados zoomorfos e xeométricos dun período coincidente cos de Campo Lameiro. A orografía en pendente da Caeira divide en dúas grandes pedras os gravados: A Pedra Grande de Montecelo e a Laxe das Lebres.

Aberta desde o ano 2007 e situada máis ao norte, a Área Arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas, contén o conxunto de gravados rupestres máis singulares de Galicia. Datan tamén do Neolítico final e mostran composicións complexas como a Laxe das Cruces ou sinxelas como Forcadela. Hai cazoletas, composicións circulares e zoomorfas. A área é libre e gratuíta salvo en caso de solicitares visita guiada, na que se ilustrará sobre a vida dun poboado durante a Idade de Bronce.

Xa no interior e en pleno val do Lérez, o Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro permitirache percorrer as súas máis de 20 hectáreas gozando da natureza e da arte ao aire libre. Con estacións, perfectamente sinalizadas e visibles, este parque conta cun moderno centro de interpretación integrado na paisaxe, co que a experiencia gana en didáctica e comodidade para as visitas.

 

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur